C U A R T A A C E P C I Ó N (Manuel Seoane)

Cartel Xinzo 1
C U A R T A A C E P C I Ó N (Manuel Seoane)
MANUEL SEOANE Cando buscamos no Dicionario da Real Academia Galega a palabra “entroido”, vemos que ten catro acepcións diferentes; e xustamente...

MANUEL SEOANE

Cando buscamos no Dicionario da Real Academia Galega a palabra “entroido”, vemos que ten catro acepcións diferentes; e xustamente a cuarta, era a que empregaba miña nai, con moita precisión, cando de mozo rexeitaba a miña indumentaria dicíndome: “vas feito un entroido”.

Nestes días pasados apareceu na prensa a polémica suscitada polos paneis de promoción da vila, instalados polo Concello nos accesos a Xinzo, que Fomento pide que se retiren por non adaptarse á normativa vixente. Eu, que sempre teño o mal vicio de darlle unha volta de máis ás cousas, cando lin a frase “Vila do entroido” inmediatamente pensei na cuarta acepción, e o que non atinaba a  discernir, era se se refería á propia vila de Xinzo, ou ao seu ex-alcalde.

Seguramente esa foi a razón de que o lema non me parecese moi acertado, e teño que dicir, que a solución gráfica tampouco me entusiasmou. Como non son entendido en Deseño Gráfico, pedinlle un informe aos profesores da materia na ESCOLA DE ARTE E SUPERIOR DE DESEÑO de Ourense, que me consta son excelentes docentes, que teñen formado grandes profesionais no campo da comunicación gráfica e visual, algúns deles, por certo limiaos, cos que non estaría mal contar para estas tarefas.

Como o informe era longo e farragoso, vou tratar de resumir, omitindo algunhas partes que se refiren por exemplo á calidade dos materiais empregados e outros apartados técnicos sobre tipografías, de difícil comprensión.

 Utilízanse tres motivos gráficos diferentes: escudo, pantalla en marca de auga, e silueta da torre de Pena, que polo visto son excesivos para unha imaxe que debe impactar na retina en moi pouco tempo. “Xinzo de Limia” aparece centrado para a súa lectura en vertical, o que parece ser un recurso gráfico empregado frecuentemente polos nenos, pero pouco eficaz para textos de máis de tres caracteres. Infantil, resulta tamén a combinación de palabras en vertical e horizontal, compartindo letras coma se dun crucigrama se tratase. Máis aínda cando se empregan dúas tipografías diferentes en vertical e en horizontal.

Empréganse cores frías e cálidas sen intención definida, e nunha combinación pouco acertada. A escasa sutileza dos sombreados da tipografía non mellora a lexibilidade xeral dun conxunto pouco atractivo, e no que anverso e reverso non gardan relación.

Os lingüistas póñenlle reparo ao emprego da “@” para indicar os dous xéneros, e sobre o escudo solicito información de Miro Martínez Cerradelo, que sei que anda moi preocupado polo tema.

Aos valentes que soportastes o “rollo” pídovos desculpas, e supoño que coma min a conclusión que sacastes, é que os carteliños, o que fan é contribuír algo máis a que Xinzo sexa a VILA DA CUARTA ACEPCIÓN.