TOPONIMIA E FONTES ORAIS
A pegada da toponimia e a memoria oral corroboran a existencia deste camiño histórico.
Topónimos coma: a canella da congostra, o camiño vello, a carretera vella, retorta, millás, o camiño dos mortos, camiño dos arrieiros, a cruz, a portela de Vilela, a portela de Recarei, a portela do Arnedo, son o fiel reflexo da presenza dun camiño antigo. Se lle engadimos o vieiro, ou vrea e verea, do latín vereda (lugar de paso), aínda corrobora máis o a identidade deste itinerario. Remarcándose cando a carón ou preto do camiño se sitúan topónimos que relatan a presenza e actividade humana histórica coma O Padrón, Fonte Moura, O Castro, a Corga do Castro, Vilar, Vilela, Vila Vella, Costa de Santos uo o Casar. Nalgún momento da Historia Moderna pasou a coñecerse tamén co nome de Vrea Vella, o cal nos está a dicir que xa ancestralmente se lle recoñecía a súa antigüidade.
Actualmente, no lugar de Parada de Ventosa, recollemos a testemuña oral da existencia dun cruceiro ao pé do que descansaban os peregrinos que viñan de Braga na década dos 40 do século XX. Desgraciadamente este cruceiro non o temos na actualidade, foi destruído porque existía a lenda que no seu interior agochaba un tesouro.
Ao longo do percurso do camiño quedan moitas mostras da arquitectura viaria, coas súas pontes, poldras e poldrados, entre as que destacan as pontes romanas de Sâo Miguel, Ponte Pedriña e Ponte Fechas, e a magnífica ponte medieval do Sales, co paramento interior do arco totalmente petrografiado coas marcas dos canteiros. Ademais, adórnase cunha potente arquitectura relixiosa con petos de ánimas, cruceiros e ermidas onde está presente culto ao apóstolo Santiago.
Por o que foi, por o que aínda é e por o que está chamado a ser, é necesario recuperar esta antiga ruta xacobea a Santiago.
É de xustiza darlle vida a este itinerario cargado de significado, de riqueza e de anos de historia, para que de novo nos una ca área metropolitana Porto-Braga, que forma parte da noso pasado e está esperando para dinamizar o presente e crear riqueza de cara o futuro.
*David Pérez é arqueólogo
*Manuel Rivero é sociólogo e antropólogo