Cançó de matinada

Cançó de matinada

ÓSCAR RIVERO SALGADO

Cando un leva bastante tempo nunha cidade, comeza a reparar en certos aspectos que poden pasar desapercibidos nunha primeira ollada, e empeza a sentirse cómodo con pequenos detalles que ao principio encontraba desagradables. Entre as présas do día a día, xeralmente dirixidas por asuntos sen importancia que ocupan a maior parte do noso tempo, é importante saber atopar momentos nos que recrear a mente e evadirse da realidade que nos rodea, e no meu caso descubrín que unha das paisaxes máis evocadoras que un pode descubrir nesta Barcelona cosmopolita, que semella non deterse nin un só momento, é o lento amencer e como a cidade vai espertando pouco a pouco do seu letargo.

Desde comezos de ano, afeccioneime a ir á facultade en bicicleta, e o que nun primeiro momento xurdira como unha idea para facer algo de exercicio, acabou por  converterse nun xeito de contemplar un espectáculo singular e único. Aquí ás 7.30 aínda é noite (agora co cambio horario quizais deixe de selo durante uns días), e nunha incursión rápida polo Raval pódese comprobar como todos os sen teito aínda están alleos á inminencia do día, tranquilos nese sono recuperador que quizais os faga esquecer o seu presente sen esperanzas. Ás 7.35 máis ou menos enfilo a rúa de Sant Pau, e unha das primeiras imaxes que chega á miña retina cada mañá son as decadentes salas do cinema Urgell, o máis antigo de Barcelona e que o ano pasado tivo que pechar por culpa da crise; refuxio de nostálxicos e fogar de soñadores, é frecuente observar como os homes de negocios que comezan a saír ás rúas en dirección ao traballo se paran uns breves segundos diante, quizais evocando as tardes da infancia ou da mocidade pasadas dentro desas salas.

Ao cruzar a rúa de Aragón pódese sentir xa como o día se inicia, e coas primeiras raiolas de sol, as rúas máis transitadas empezan a encherse de homes que apuran cada minuto para non chegar tarde ao traballo, mentres as cafeterías abren lentamente esperando a visita dos primeiros clientes. Ás veces, parado nos semáforos, sinto as conversacións desta xente madrugadora, e a partir delas pódese percibir o ritmo da actualidade en Catalunya: a independencia é un tema candente, e é raro o día no que non se senten ecos que falan da necesidade de revisar a actual situación con España; tamén se fala da crise, e do desemprego, aínda que o tema máis usado quizais sexa o fútbol, unha vía de escape para todos aqueles que non teñen nada ao que agarrarse.

Cando quedan quince minutos para as oito, acostumo chegar á praza de Francesc Macià e tomo a Diagonal; os autobuses turísticos que pola tarde se paran antes da rúa Josep Tarradellas aínda non cruzan a cidade, non son horas para os turistas, por moi foráneos que sexan… Un pouco despois, á altura da parada de metro de María Cristina, onde o xerente do quiosco sempre sae a manter unha conversa superficial cos clientes que compran o xornal (demórase máis cos lectores da Vanguardia, é un señor maior e xa non lle molesta mostrar parcialidade á hora de vender), vese un fluír constante de homes perfectamente ataviados que se dirixen ás sucursais de La Caixa para comezar coas transaccións diarias. Se teño sorte cos semáforos, un par de minutos antes das oito, entro de cheo no campus universitario, onde os homes de negocios son substituídos por estudantes, moitos dos cales reemprazarán nuns quince ou vinte anos aos señores de traxe que saían do metro en María Cristina; a maioría destes estudantes diríxense ás aulas con certa ilusión, coa esperanza de que nuns anos os tempos mellorarán, e que os graduados das escolas de enxeñeiros industriais, de telecomunicacións, tamén os físicos e os matemáticos, terán máis oportunidades que agora para atopar traballo. Quen sabe?, igual as cousas cambian.

Serrat compuxo na súa primeira xuventude a súa celebrada Cançó de matinada, na que describía como o día comezaba lentamente nunha vila do rural catalá. Quizais este paisaxe urbano non sexa tan evocador e pareza un pouco máis triste, máis gris e distinto do limiao, pero persoalmente paréceme unha imaxe pintoresca e agradable para comezar o día e impregnarse de cheo do ambiente barcelonés.