Cando os códigos entran pola porta, é porque a ética hai tempo que saltou pola fiestra!!!

Cando os códigos entran pola porta, é porque a ética hai tempo que saltou pola fiestra!!!
XOSÉ MANUEL PÉREZ BOUZA

Nas últimas semanas estamos vivindo un agromar de códigos éticos por tódolos lados:  no Concello de Ourense, na Deputación, na Xunta de Galicia. De repente aos nosos representantes institucionais  entroulles a febre dos  códigos éticos, ao meu modo de ver cunha única intención, lavar a conciencia, que nalgúns casos a deben ter bastante suxa.

Vendo este andazo non poido máis que lembrarme daqueles individuos/as de baixa catadura moral que  pasan o día pensando  como facerlle mal ó veciño, pero chegado o domingo son os primeiros que acoden á “chamada do Señor” e se fai falta van comulgar, para que ao resto da veciñanza lle quede claro que son persoas de ben; sobra dicir que en canto remata a homilía, volven ás andadas  pero, iso si polo menos o tempo que pasan alí non lle fan mal a ninguén.

Cos códigos éticos pasa o mesmo, podes facer o  que queiras e como queiras, o caso é ter un código aprobado, que non compromete a nada, que non ten ningún valor legal nin xurídico, pero que vale para despistar, para que pareza que se cambia algo, aínda que todo siga igual, pero que o tempo que pasan na súa redacción, dicusión e aprobación, non o adican a facer falcatruadas.

O que non saben  ou non queren saber os representantes do PP, principais afectados por esta febre pola aprobación de códigos éticos, é que a ética é un principio da conduta humana, e por moitos códigos que se aproben, se un representante público  non coñece ese principio, non hai código que lle vaia impedir actuar en base aos seus principios entre os que non está a ética e si o de utilizar o poder en beneficio propio.

Resulta polo tanto evidente que cando os códigos empezan a entrar pola porta das institucións públicas é porque a ética dalgúns representates,   hai tempo que saltou pola fiestra, e non vai volver deica que estes sexan mudados por cidadáns que non precisen de códigos para cumplir con diginidade e con ética o seu compromiso público.

Polo demais, estes códigos éticos  na  maioría dos casos acabarán como simples códigos estéticos e algún, tendo en conta os antecedentes dos seus impulsores,  mesmo se podería convertir en patético.