Cans 2014

cans
ALBA PROL CID Tras moitas especulacións sobre se o Festival de Cans 2014 se podería realizar ou non por falla de...

ALBA PROL CID

Tras moitas especulacións sobre se o Festival de Cans 2014 se podería realizar ou non por falla de axudas públicas, esta fin de semana tivo lugar, finalmente, tan singular evento. Tras o gran recorte de axudas públicas do Ministerio de Cultura, a asociación cultural Arela tivo que recorrer a moitos patrocinadores e colaboradores. Financiación pública, privada e fondos propios finalmente foron suficientes para  dar cabida a este proxecto.

 Coma sempre, os veciños da aldea de Cans, en Porriño, volcáronse totalmente coa participación nun festival de cine que non sería o mesmo sen eles. Os galpóns, os “chimpíns”, leiras, toldos e prados preparáronse coa súa mellor cara para acoller a miles de visitantes (preto de 10.000), tanto do audiovisual coma curiosos ou visitantes que non se queren perder as proxeccións, actuacións e concertos dunha fin de semana longa (de xoves a domingo) na que calquera persoa pode desfrutar do audiovisual galego.

Aínda que son catro días de festa, a esencia e orixe do festival é ser un festival de curtametraxes e videoclips galegos. Para o concurso, a organización contou nesta edición cun xurado de curtametraxes de excepción:  Karra Elejalde ( actor, “Ocho apellidos vascos), Chelo Loureiro (produtora, “El Gigante”), Xurxo Souto (locutor, rockeiro e activista cultural), Isabel Ayguavives (guionista e directora, “El Arbol Magnético”), Monti Castiñeiras (actor, “Matalobos”), Xulio Abonjo (actor, “Os fenómenos”) e Sabela Arán (actriz, “Vilamor”). O xurado de videoclips compúxose por Nieves Rodríguez (presentadora e actriz, “Luar”), Nonito Pereira Jr (xornalista musical, “Mondo Sonoro”) e Amable DJ (Dj, “Razzmataz”). Ademais hai un “xurado dos veciños” formado por Felisa Quintas (Felisa de Luis), Carmen Ramilo (Mucha de Ramilo), Fernando Fortes (Fernando do Monte), Mercedes González Souto (Merchi do Manisco) e Javier González Boente (Javier da Graña).

Toda esta xente elixiu unha serie de pezas que foron premiadas cun total de 5.600 euros en premios e 10 cans de Pedra: premio do xurado á mellor curta de ficción e á mellor curta de animación (1.500 euros en cada categoría), premio do público en ficción e animación (1.000 euros por categoría), mellor actriz, mellor actor e mellor guión segundo o xurado, mellor videoclip segundo o xurado e mellor videoclip segundo o público. Ademais outórgase o Premio Pedigree a algunha persona do audiovisual galego destacada pola súa traxectoria. Nesta edición Premio de Honra Pedigree’14 foi para María Bouzas, o premio do xurado á mellor curta de imaxe real foi para “Ser e voltar”, de Xacio Baño; o Premio do xurado á mellor curta de animación foi para “Jamón”, de Iria López; o Premio do público á mellor curta foi para “Tupper”, de Ángel Manzano; o Premio especial do xurado dos veciños á mellor curta foi para “3-1=0”, de Juan Galiñanes; o Premio do xurado á mellor interpretación feminina foi para Déborah Vukusic por “3-1=0”; Premio do xurado á mellor interpretación masculina para Javier Gutiérrez por “Tupper”; Premio CREA do xurado á mellor dirección para Omar Rabuñal e Daniel Viqueira por “Koan”; Premio AGAG do xurado ao mellor guión para “Hogar Hogar”, de Carlos Alonso Ojea; Premio do xurado á mellor banda sonora para Gautier Galard por “Jamón”; Premio do xurado ao mellor videoclip para “Un gran hijo de puta” de Los Árboles, dirixido por Manuel Valcárcel; Premio do público ao mellor videoclip para “Carreteras” de Dakidarría, dirixido por Andrés H. Bonader; e Mención especial para a fotografía de Luís Solarat en “La Carne Cruda”.

E ademais de todos estos premios o festival contou coas actuacións de Heredeiros da Crus, Kepa Junquera, Os Coronas, Os da Ría... entre outros! Que máis se lle pode pedir?