La Caprichosa e os toureiros da Limia

60
La Caprichosa e os toureiros da Limia

60No artigo de hai uns días, falei de pasada da praza de touros de Talavera de la Reina, á cal lle teñen o nome de \“La Caprichosa\”. Debo confesar que malia non ser para nada devoto do citado asunto, quedei un chisco intrigado polo devandito alcume da praza e decidín procurar algunha información ó respecto. O único que fixen na miña vida en relación cos touros foi visitar a casa museo de Tudanca na que viviu o escritor e académico José María de Cossío, autor do célebre tratado taurino que leva o seu nome, e na que se garda a súa magnífica biblioteca de máis de 25.000 volumes e inclúe manuscritos de Lorca e Camilo José Cela. Cómpre dicir que Cossío foi íntimo amigo dun dos protagonistas da historia que deu nome á praza: o matador de touros José Gómez, alcumado primeiro \“Gallito\” e despois \“Joselito\” e do cal existe un busto de bronce nos xardíns onde se atopa a praza de touros.

A outra protagonista foi a raíña Victoria Eugenia de Battenberg, dona de Alfonso XIII, aquela que comezara o seu reinado con mal pé, por mor da bomba que lles guindara o anarquista Mateo Morral e que non acadou o obxectivo, senón ir parar entre o público que seguía o traxecto da carroza real e a escolta desta, ocasionando 25 mortos e máis de cen feridos.

Na propia web da praza de touros, cóntase a triste historia deste asunto do nome. Seica o 16 de maio de 1920, estaba a raíña Victoria Eugenia no palco da praza. O toureiro Joselito compartía cartel co seu cuñado Ignacio Sáchez Mejías e adoitaba facer o que se chama salto da garrocha, unha arte complicada para a que se emprega o pau longo dos picadores e que só se podía facer unha vez, pois á segunda, o touro, xa coa mosca detrás da orella, ía polo toureiro. Din as crónicas da época que Joselito saltou diante da raíña, mais ela estaba distraída e non viu o salto, polo cal mandou un emisario onda o mestre para que o repetise. O toureiro situouse fronte ó palco de honra e díxolle á raíña: «Saiba, señora, que se o repito voume xogar a vida, pero fareino por vostede». Saltou, mais o animal pillouno cun corno e rematouno no chan, abríndolle o bandullo. Contan as historias, que Joselito non morreu das feridas, senón dun infarto provocado pola visión da desfeita que o animal lle causara. Dende entón, a praza de touros de Talavera leva o nome de La Caprichosa, pois tal era o alcume que o pobo lle tiña á raiña Victoria Eugenia.

O mundo da tauromaquia está cheo de desgracias coma esta. Por iso, eu prefiro gardar na miña memoria, a imaxe dun tocaio meu, o Rafael Cacá e do cartel anunciador do espéctaculo dos bombeiros toureiros nos que participaba ou mesmo a imaxe dun entroido de Xinzo no que o Manolo Marta e algúns amigos seus se disfrazaron de toureiros e toda a cuadrilla percorreu as rúas da vila montados nun Citroën Dyane 6 descapotable saudando ó público. Cousas que, por certo, tamén saíron no xornal, mais non na sección de sucesos, o cal é motivo de ledicia. Nisto das corridas de touros, só hai unha cousa da que teño mágoa: a de non ter visto tourear o noso JB.

Rafael Laso Lorenzo