Cara onde vas, Xinzo?

xinzo2
Cara onde vas, Xinzo?

Presíntote profundamente esgotado. Non sei se o compartes comigo ou é que xa fun contaxiado polo teu propio desacougo, mais véxote abatido, desarmado, apenas sen latexo. Triste. Somos o que soñamos, dinos o Caneiro, e non deixo de soñarte Xinzo, unha e outra vez, tamén para ser. Mais, tralo espertar, segues aparecendo tombado como unha longa sombra de area na chaira que xa nin teima en soñar coa próspera e desenvolta capitalidade agraria que debería poder ser. O malo é que a situación actual, económica, social ou política, non augura mellores estados de ánimo. Vai para longo a cousa. Non hai moito que facer. Non hai doenza nin diagnóstico. Non hai cura nin tratamento. Non hai responsables nin médicos. Nin historial. Nin culpa. Ninguén asume nada. Miúdo relato lles deixamos aos que veñan detrás. Reprochar comportamentos que logo serán sistematicamente referendados a golpe de papeleta e furna. Perden e gañan os de sempre. Isto si que o sabemos facer ben. Cunca de caldo morno e seguir na xeira dos ismos: curtopracismo, clientelismo, caciquismo, salvaxes. A colleita, o fracaso do atraso. E mozos e mozas liscando. Para que queremos gobernantes onde a xente marcha. Só resiste a idea total, a corrupción. A que transforma o exercicio natural do poder en abuso e desviación do poder, a transparencia e a discreción en opacidade e hermetismo partidista, a igualdade de oportunidade en sálvese quen poida. O dito, véxote esgotado, desangrado en purín e sen saber sequera cara onde vas, Xinzo.

Xosé Lois Carreira