A carón da biblioteca

A carón da biblioteca

A carón da Biblioteca.

Escribo este artigo o vinte e catro de outubro deste ano no que andamos, consciente de que, cando vexa a luz neste xornal, xa os lectores terán oído montes e moreas arredor desta data en concreto. Nada tería de particular este día, talvez podería pasar coma tantos outros, de non ser por unha razón especial: é o día da biblioteca.

Esta celebración ven tendo lugar dende o ano 1997. A min seméllame unha boa idea. Porén, houbo quen a tivo moito tempo atrás. Por exemplo, dezanove anos antes, en 1978, cando España estreaba Constitución, o Ministerio de Educación do Perú, en recoñecimento á exitosa xestión feita por Ciro Napanga Agüero a prol da biblioteca escolar, designou o 10 de novembro como o Día da Biblioteca Escolar.

A biblioteca é un instrumento esencial que contribúe a facilitar o acceso ó coñecimento ós cidadáns. Nada tan importante como compartir cultura. Hoxe, mergullados como estamos no imperio das novas tecnoloxías, as bibliotecas teñen máis sentido que nunca. E así o entenden os responsables de todas as espalladas pola nosa xeografía, dende a máis grande á máis pequena. Non son xa só templo dos libros, hai outras e moi variadas actividades que se desenvolven nelas, perfectamente deseñadas para potenciar a lectura e a cultura dende as idades máis pequenas. Admiro a dedicación, orixinalidade de ideas e bo facer deses profesionais que en pouco ou nada se parecen ó vello bibliotecario de hai anos. Non por desmerecer a labor deste, senón polos múltiples e variados campos que abranguen agora: contacontos, monicreques, lecturas teatralizadas, actividades de debuxo arredor dun libro, xogos. Son consciente de que ler un libro é como entrar nun mundo á parte, mergullarse nunha viaxe imaxinaria que será diferente para cada lector. Mais é necesario crear o costume, o hábito. Sempre digo que debo a miña afección e gusto pola lectura ós meus pais, verdadeiros culpables de me meter neste vicio de ler, cando con oito anos me agasallaron con cinco libros do mestre XulioVerne, prendendo en min un lume que xa nunca se apagou.

Hai algo de máxico no feito de estares nunha biblioteca, pero non podería explicalo. Quizais o detalle do silencio, o sentirte observado por milleiros de libros. Son pequenas circunstancias que acontecen que nunca máis esqueces. Como aquel verán do ano 1985 no que durante un mes fun todas as tardes á nosa biblioteca de Xinzo para preparar o exame de setembro dunha asignatura que suspendera.

Esa nosa biblioteca que xa vai tendo unhas cantas remodelacións e reubicacións, dende o ano da súa creación, un afastado 1957. No mes de xaneiro do ano que ven, terá que apagar cincuenta e oito candeas. Como non sei se houbo algún acto para celebrar o seu cincuenta aniversario, quizais non estaría mal facelo para o sesenta.

Hai algún tempo, remexendo na hemeroteca do xornal La Vanguardia, no exemplar do día 18 de Xaneiro de 1957 atopei a noticia da súa inauguración, que transcribo aquí a continuación.

— Inauguración dunha biblioteca en Xinzo de Limia. Ourense, 17.

Baixo a presidencia do gobernador civil, señor Albert Rodríguez, foi inaugurada en Xinzo de Limia unha biblioteca creada polo Centro Coordinador das Bibliotecas desta provincia.

Os fondos da mesma constituíronse con libros donados pola Dirección Xeral de Arquivos e Bibliotecas e están valorados en cincuenta mil pesetas. Ó acto asistiron as autoridades provinciais e locais e pronunciaron unhas palabras, tratando da importancia e significación desta obra cultural o alcalde de Xinzo de Limia, o presidente do Centro Coordinador de Bibliotecas e presidente da Deputación e o gobernador civil. — Cifra.

Non sei cantos libros serían aquelas cincuenta mil pesetas da época. Supoño que moitos. Tampouco sei cantos deles estarán aínda na biblioteca. De quedares algún, gustaríame imaxinalo no seu andel, fachendoso por ser daqueles primeiros exemplares fundadores. E, xa posto, collelo e ver o seu contido, para despois acariñarlle a súa capa coas mans, nun xesto de agradecemento por todos eses anos facendo que os limiaos que o tivesen lido, pasasen un anaco de lecer disfrutando coas palabras escritas nas súas páxinas ou descobrindo cousas novas no saber agochado nelas.