Chegar ós cen anos

Chegar ós cen anos

13Este ano seica hai moitas efemérides, moitas. Quizais coma outros anos. Pero hoxe, eu quixera determe, pararme, ficar quedo no espacio, no tempo, ese espacio e ese tempo que se xunguen entre si na que posiblemente sexa a máis famosa teoría de tódolos tempos, resumida, manipulada, publicitada e expresada nunha sinxela ecuación: E= mc2. Axiña se cumplirán cen anos da Teoría da Relatividade Xeral de Albert Einstein, unhas das meirandes achegas de creatividade científica acontecidas en toda a historia da ciencia. Foi no mes de novembro de 1915, cando un Albert Einstein de 36 anos, desenvolveu esa teoría que mudou por completo o xeito de concibir o universo.
Malia a sona de afastada do cotián e sendo unha teoría abstracta á que, ó dicir dos especialistas, contribúen o seu formalismo teórico, a concepción revolucionaria do espazo e do tempo, a precisa descrición das forzas gravitatorias e a riqueza de novos fenómenos implícitos como os buratos negros ou as ondas gravitacionais, ten xerado moitas aplicacións prácticas.
E non falo de todas esas manifestacións de camisetas, carteis e multiplicidade de obxectos onde Einstein nos amosa a súa lingua. Eu vexo outras polas que debemos estarlle agradecidos a este home de aspecto badanas, talvez algo con pintas de tolo, pero é que a tolemia e o descoido son características de moitos xenios. Albert_Einstein_Head
¿Existe unha relatividade cotián, fácil de comprender para as persoas? Penso que si. Mesmo cando subo no tren e teño esa estraña sensación, unha vez posto en marcha, de que non é el o que se move, senón máis ben a paisaxe a que se despraza a unha certa velocidade. Penso tamén na relatividade da opinión, totalmente subxetiva e dependente do observador: dúas persoas que discuten arredor de algo, que cada unha ve de xeito distinto, aínda que ese \“algo\” é a mesma cousa para os dous.
En calquera caso, o que máis me chama a atención de Einstein (teño lido nalgures \“ein stein\”, unha pedra, en alemán; que semella que seu propio apelido tiña implícita a teoría, que calquera masa podería transformarse en enerxía) é esoutra teoría pola que unha banda de señores lle deron un merecido premio Nobel (aínda que ben merecía alomenos dous máis), digo banda porque sería impensable que lla deran por unha teoría que moi poucos acadaban a comprender… Porén, sempre me atraeu a idea do efecto fotoeléctrico e os seus \“danos colaterais\”: a conversión da electricidade en imaxes (a televisión, ese aparello que moitas veces só se ocupa de cousas intrascendentes), en palabras (a prensa escrita, hoxe por fotocomposición), a música (os reprodutores de discos compactos, con lector láser), a tecnoloxía GPS... Podería seguir pero non, porque me vén a cabeza aquela frase de \“Einstein, vostede nunca chegará a ningures\”, palabras que lle espetou un profesor que non podía cun estudiante contestario. Hai cousas coas que non se xoga, e iso sábeo ben Deus, que por algunha estraña razón non ten por costume xogar ós dados.
Dis que a ciencia é así de rara.
Eva e Adán montaron un lío por culpa de comer unha mazá: non foi que os botaran do paraíso, non, foi que dende aquela as persoas debemos averiguar o porqué das cousas. Anos despois, Isaac Newton montou tamén outra liorta no seu tempo por culpa doutra mazá. Talvez non tiña fame e por iso non a comeu: só se fixou como caía e o seu delito foi preguntarse por que razón o facía, para deixarnos a Lei de Gravitación Universal.
Mais, en fin, cada home que nace leva escrito nalgunha parte de si mesmo o seu propio destino. Creo que Einstein, ese home nacido en Ulm (Alemania) levaba escrito o seu dende o berce: Unha Lei Matemática. Teñen pasado xa cen anos, porén, como dixo Niels Bohr: \“Non lle digas a Deus o que ten que facer\”.
Rafael Laso Lorenzo