Os chismes cos que andaba Juan R. Jiménez

jrj
Os chismes cos que andaba Juan R. Jiménez
XOSÉ A. CARRERA ABELLEIRA Ben sabido é que o escritor de Moguer, Juan Ramón Jiménez, autor do célebre «Platero y yo»...

XOSÉ A. CARRERA ABELLEIRA

Ben sabido é que o escritor de Moguer, Juan Ramón Jiménez, autor do célebre «Platero y yo» e premio Nobel de literatura en 1956, foi coñecido entre os seus compañeiros de profesión por ter unha lingua viperina. Eu diría máis ben que, no canto de lingua, tiña un bisturí co que seccionaba, abría en canal e facía moita sangue na persoa que caía indefensa nas súas garras. Poucos escritores do seu tempo libráronse del: desde Salinas ata Ortega, pasando por Azorín, Alberti, Bergamín… A uns mortificábaos pola escrita, a outros pola vida privada. De García Lorca dicía que o seu era «truco permanente», cousa moi frouxa; de Ricardo León mofábase, porque o recibira en «calzoncillos» e no alto da súa gabeta tiña unha copiña de «Anís el Mono».

Pero o que chama máis a atención e que, cun dos que foi máis impecable, fora o seu amigo Antonio Machado, un anaco de pan, que mesmo o visitaba compracente, cando Juan Ramón enfermara durante un tempo na súa mocidade. É verdade que Antonio debía ser branco fácil, se temos en conta que mesmo se retratou, no seu fermosísimo libro «Campos de Castilla», proclamando seu «torpe aliño indumentario». A Juan Ramón faltoulle tempo para explicar que tal cousa consistía nun gabán descolorido, moi vello, que só mantiña un ou dos botóns e que ademais se equivocaba ó abrochalos. Tamén que levaba os pantalóns amarrados cun cordel. As monxiñas do sanatorio sufrían, segundo Jiménez, por velo mesturado con semellantes tipos e púñanse de contado a varrer onde tiña estado Machado, polas migas de pan, tabaco e cinza que deixaba.

Noutra ocasión —conta o de Moguer— que o vello poeta propúxose lerlle un poema que viña de escribir e do que estaba moi satisfeito, pero ó abrir a cuartilla, sucia e mil veces dobrada, non puido facelo porque alí non había máis que un furado, dado que Machado tiña o costume de comer os papeis, que ata algún que outro libro seu lucía forma de «D», por roerlle os bordes.

Como outro día o vira coxear, Juan Ramón interesouse ante Manuel Machado, o irmán, para que o vira un médico antes de que a cousa fora a máis, pero este contestoulle que non se preocupara, que a Antonio, de non se lavar nunca os pés, tíñaselle feito un calo que crecera como un casco de boi.

Así mesmo, cando lle editou a Machado as poesías completas na Residencia de Estudantes, Juan Ramón contou que, habéndolle pedido unha fotografía para figurar na edición, aquel mandoulla pegada «¡con pan mascado!».

Finalmente hai unha anécdota que resulta sorprendentemente chusca. Esta vez foi Juan Ramón Jiménez quen visitou ós irmáns Machado, na rúa Fuencarral. Entrando no cuarto onde estaban os irmáns, Antonio díxolle: «Siéntate, Juanito, siéntate». Pero el, buscando ónde, quedou abraiado. Un asento estaba desfondado, outro ocupado por unha gata cos seus gatiños e no que quedaba había un ovo frito, reseco de varios días. «¡Pegado!» sentenciou Jiménez.

Estas escenas ante as que inevitablemente non podemos reprimir un sorriso, cando non unha risada, por tratarse dun persoeiro tan célebre como Antonio Machado, con todo non lle restan un ápice á súa calidade humana e, menos aínda, á calidade profunda e emotiva da súa poesía que, por moito que se esforzou Jiménez na propia, nunca superou. A deste era brillante, pulida, luxosa, pero fría, mesmo como o mármore.