A cidadanía d' A Limia está viva!!!

A cidadanía d' A Limia está viva!!!

En menos de 2 anos os cidadáns da comarca de A Limia, deron unha lección de como, cando hai unión e se reivindican causas xustas, é posible cambiar decisións desafortunadas das Intitucións.

Primeiro foi unha iniciativa do Alcalde de Xinzo instalar unha incineradora neste concello para queimar  todo o lixo que se produce no Sur de Galicia, a que fixo que a veciñanza reaccionara, que as organizacións políticas, agás o PP, se uniran e conxuntamente se opuxeran a aquela idea absolutamente descabelada que, de levarse a cabo, so provocaría contaminación e traería atraso e miseria a unha das comarcas máis ricas e máis dinámicas de Galicia.

Recentemente foi a posibilidade de que unha explotación a ceo aberto de feldespato, que ocuparía terreos pertencentes a varias aldeas do Concello de Xinzo, a que puxo en “pé de guerra” aos veciños e, novamente, co apoio de sindicatos agrarios, organizacións ecoloxistas e partidos políticos parece que unha vez máis a batalla da defensa do territorio, dos sectores productivos básicos ligados a producción de pataca e cereal e a protección do noso medio ambiente, se pode gañar e que polo tanto as administraccións responsables,  Xunta de Galicia e Concello de Xinzo, as dúas governadas polo PP, non lle concedan os permisos precisos á empresa promotora para levar a cabo un proxecto que non xeraría nin riqueza nin postos de traballo, senón que o único que produciría sería á destrucción do territorio e prexuízos para os seus habitantes. Certo é que esta guerra aínda non está gañada pero o que é verdade é que xa se gañaron algunhas batallas importantes grazas a implicación, concienciación e boa organización dos máis directamente afectados.

Como limiao non podo máis que sentirme orgulloso do comportamento dos meus veciños en defensa do noso territorio e do noso medio de vida; mais queda dar no futuro un paso máis: cómpre que, dunha vez por todas, a maioría dos veciños da Limia aposten, cando é o momento, por forzas políticas que propoñan para a nosa comarca proxectos de desenvolvemento que xeren riqueza e emprego respectando ao mesmo tempo o noso rico e diverso medio ambiente. E para conseguir isto algúns levamos insistindo na necesidade de pór en marcha iniciativas que pechen o ciclo da pataca, desde a producción da semente deica a transformación industrial deste tubérculo que tanta fame “matou” na posguerra e que tanta riqueza leva xerando na Limia nas últimas décadas. Para iso é fundamental  a concienciación (mellor calidade que cantidade), e a unión, é preciso constituír canto antes unha gran cooperativa que controle a inmensa maioría da producción de pataca da Limia, que lle faga frente aos intermediarios, con capacidade para chegar coa producción directamente aos grandes mercados, que poida executar un proxecto para a transformación industrial do producto que non se poida comercializar “en fresco”… Este debe ser o gran motor da economía da comarca, complementado coa producción de cereal, a agricultura ecolóxica, a gandeiría de montaña e o turismo rural.

Este é o noso futuro, o futuro non está en incineradoras de lixo nin en minas a ceo aberto de feldespato. Parece que os veciños empezan a entendelo, só falta que as administracións tamén o entendan, e senón…, haberá que facerllo entender.

Si ou non?