A CIG convoca aos Concellos do Partido Xudicial de Xinzo en contra da súa supresión

A CIG convoca aos Concellos do Partido Xudicial de Xinzo en contra da súa supresión

O sindicato prepara unha reunión para o 16 de abril onde proporá crear un órgano de defensa dos intereses da comarca

REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia

O sindicato CIG ven de convocar aos representantes dos Concellos do Partido Xudicial de Xinzo de Limia, de organizacións políticas, sindicais, empresariais, veciñais e a todo o cidadán que desexe acudir, a unha xuntanza que se celebrará o vindeiro 16 de abril ás 19 horas, na Casa da Cultura da vila. O obxectivo da reunión será constituír “un órgano de defensa dos intereses da comarca, contra a supresión do Partido Xudicial de Xinzo”.

Coa aprobación do Anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial do Goberno central, o Partido Xudicial de Xinzo, así como a maioría dos da provincia serán integrados nun único ente, con sede na cidade de Ourense. Para o sindicato nacionalista isto suporá “deixar polo camiño os servizos propios de tais entidades coma os xulgados de paz, rexistros civís, xulgados de instancia...”, unha manobra que “baixo o paraugas da crise económica atenta, sen complexos, contra os dereitos da cidadanía”,a aseguran.

Desde a Central Intersindical Galega resaltan a “importancia que para a comarca da Limia ten o mantemento do partido xudicial, tanto dende a perspectiva institucional, como dende a perspectiva dos servizos que presta aos cidadáns e cidadás”. Por iso non comprenden a súa supresión que vaticinan provocará “ que os limiaos e limiás deban acudir, para facer calquera trámite civil ou xudicial, a 40 quilómetros de distancia”.