Un concello 0,0

concello o,o
Un concello 0,0
Os trinta e algo anos que temos ó lombo de democracia, levaron ós políticos da última hora a cambiar principios...

Os trinta e algo anos que temos ó lombo de democracia, levaron ós políticos da última hora a cambiar principios filosóficos que estaban asentados dende que comezaron a espremer os miolos os pensadores da Antiga Atenas. Un deles é aquel que di: “onde non hai non se pode sacar”; ou dito doutro xeito: “ninguén dá o que non ten”. 

Comeza a non resultarme crible o que afirmaba fai uns días o lúcido Alfonso Guerra ó defender que na transición estaban na política os brillantes talentos da xeografía española; e que hoxe en día os que ocupan os escanos non son os mellores.

Os últimos datos da débeda municipal nesta envellecida provincia botan por terra a afirmación deste Fillo Predilecto da al-Andalus. Estes políticos de terceira rexional, chamados alcaldes, fan o milagre de sacar de onde non hai. Son uns fóra de serie, uns verdadeiros xenios.

Na comparativa 2.011-2.012 , se miramos para os concellos enchoupados polo noso río Limia, pasaron de deber 6.049.000 € a non dar pagado 11.267.000 €, case que o dobre.Lobeira, SandiásSarreaus Vilar de Santos deben menos ca no 2.011. Muíños dobra a débeda. Rairiz de Veiga e Porqueira case que a triplica, e Xinzo de Limia , para dar exemplo, auméntaa en 3.390.000 €.

 El José Joaquín, coñecido coma o Meteorito, a Desertorado Fírveda ou o Tony Pérez non se deberon dar de conta que no noso país a lista do paro está a rebordar, os poucos traballadores que quedan sofren grandes sacas nos seus salarios e os pensionistas están pendurados dun fío. O de apertar a cincha non vai con eles. Total gastar o que non se ten é unha gran peripecia. E por outra parte, un arruinado nunca foi a pique.

Pola marxe dereita do Limia desemboca a Canle da Lagoa de Antela, que ten a súa orixe no Concello de Vilar de Barrio . Este ente municipal é un dos trece da provincia o,O ;se dependese da hostalería sería un concello “sin”. O seu rexedor é dos que sabe o que é unha redonda e un silencio. Resúltanlle as contas de cada ano en números redondos e incluso sabe marchar non facendo moito barullo, cando non é ouro todo o que reloce. Toca un dos instrumentos da familia vento-metal considerado o máis antigo e tamén o máis agudo. A súa veteranía, ó fronte dun concello da comarca da Limia só é  superada por Dª Conchita. A súa agudeza quedou máis ca demostrada cando, colocándolle unha sordina a súa trompeta, lle pasou o relevo da presidencia da Mancomunidade da Limia ó José Juan Puga.

Hoxe que está tan de moda a reciclaxe mediante seminarios e congresos, D. Julio baixo o lema: “ Que lle pasa ó que da o que non ten?”,debería convocar a estes once alcaldes. Entre eles hai canonistas, mestres, secretarios municipais e incluso un asesor de empresas. E unha vez recollidas as conclusións…tal vez o Alfonso Guerra non está tan mal encamiñado na súa aserción.