Concello de Xinzo e traballadores retoman o diálogo sobre o convenio colectivo

asamblea
Concello de Xinzo e traballadores retoman o diálogo sobre o convenio colectivo

Unha das esixencias da CIG, o sindicato maioritario, na negociación será a recuperación de parte do salario retirado REDACCIÓN redac@dendealimia.com Medio centenar de...

Unha das esixencias da CIG, o sindicato maioritario, na negociación será a recuperación de parte do salario retirado

REDACCIÓN redac@dendealimia.com

Medio centenar de traballadores do Concello de Xinzo reuníase onte (venres) nunha asemblea organizada pola CIG, para falar sobre o convenio colectivo e a situación xudicial do propio consistorio. Anxo García Torres, representante do sindicato maioritario, foi o encargado de exporlles cales serán as súas esixencias nesta negociación. Entre outras cousas pedirán que se recupere a cláusula que outorgaba ao traballador a posibilidade de escoller entre a readmisión e a indemnización en caso de despido improcedente, ademais da recuperación de parte do salario que lles foi retirado.

Este movemento de ficha por parte do Concello de querer retomar unhas negociacións que segundo o propio alcalde Antonio Pérez, levan un ano e medio sen chegar a acordo, interprétase segundo se publicou en La Voz de Galicia, coma “un intento do executivo local de limar asperezas coa CIG -que impulsou a maior parte das denuncias- para que suavice su presión sobre o rexedor”. Así García Torres teríalle asegurado a este medio que se o goberno cede ás súas pretensións, a CIG pasaría a un segundo plano nas causas xudiciais abertas. En palabras do propio líder sindical: “o interese noso é a negociación, non inhabilitar a ninguén”.

Pola súa banda Pérez asegurou que “non ten na cabeza” novas medidas de recorte sobre os soldos do persoal municipal, e que as que realizou “respondían a un plan de axuste”, asegurou. O presidente do Concello de Xinzo tamén recoñeceu que os conflitos xudiciais que afectan ao consistorio, con oito sentenzas por desviación de poder e un proceso aberto polo penal, terían dificultado, por falta de tempo, as negociacións.