Contando paxaros

Contando paxaros

Con xuño remata outra tempada de contar paxaros. Desde hai uns anos a Sociedade Galega de Ornitoloxía coordina en Galicia o Programa SACRE (Seguimiento de Aves Comunes Reproductoras en España) da Sociedad  Española de Ornitología. Á fronte está Alexandre Justo, un ourensán veciño de Tarifa por motivos laborais.

Este censo é de dúas xornadas ó ano: unha do 15 de abril ata o 15 de maio e outra do 15 de maio ata o 15 de xuño.

Consiste simplemente en anotar tódolos paxaros que se vexan ou se escoiten nunhas “estacións” previamente determinadas. En cada punto unha parada de 5 minutos. En total son 20 puntos. A Sociedad Española de Ornitología determina os hábitats (agrícola, bosque, matogueira...) e cada un escolle o emprazamento, iso si tódolos anos o mesmo percorrido. O material necesario xunto cun CD interactivo de cantos de aves é facilitado pola SEO. Somos moitos os que madrugamos entre esas datas establecidas para anotar o que vemos e escoitamos, que logo serve de base à SEO para facer estudos sobre as especies máis comúns. Por exemplo, sábese que a maioría das aves que viven nos nosos campos, están diminuíndo. Falamos das Andoriñas comúns (-41%), dos Paspallás (-53%), das Grallas pequenas (-44%) e máis outras.

Moitas terras (e aldeas) son abandonadas e as aves asociadas desaparecen. As matogueiras substitúen os cultivos, o que trae asociado un aumento das especies que viven nestes hábitats. Cando as árbores medran os bosques e as especies asociadas a eles toman o relevo.

Uns poucos facemos tamén outro censo de aves, neste caso nocturnas, o chamado NOCTUA. O esquema é moi similar ó anterior. Neste caso son cinco “estacións” e o tempo de parada en cada punto é de dez minutos de escoita. Algunha ave nocturna vese, pero é mais difícil. Saímos tres veces ó ano: no inverno para localizar as Avelaionas comúns; no comezo da primavera para localizar ós Mouchos comuns, Curuxas comúns e Bufos pequenos; e cando remata a primavera para localizar Mouchos de orellas, Bufos pequenos e Curuxas. Tamén nestas derradeiras datas é moi fácil localizar as Avenoiteiras cincentas.

Como no programa anterior, cos nosos datos elaboran os estudos nos que se determina a presenza ou non de aves nocturnas, valoran a densidade, e cales son os motivos que provocan as variacións. (O Moucho común baixa un 37%). E como no caso anterior témonos que acostumar ós cantos para diferenciar unhas aves das outras. Tamén coñecer as formas axuda por se aparecen pousadas nunha árbore ou nun arame.

Esta primavera e organizado pola Sociedade Galega de Ornitoloxía, da que formo parte, comezamos a censar na Limia J.M. Mariño e máis eu a especie do ano: a Gralla pequena (Corvus monedula). Comprobamos as que crían e contamos os niños. Este esforzo está motivado polos datos que os técnicos manexan e que nos indican unha regresión en Galicia, sobre todo na costa. O primeiro paso é coñecer a distribución na nosa Comunidade e que factores son os que están provocando a diminución dos efectivos,  con tódolos datos tentar palia-la situación.

Tamén desde as páxinas da Voz Escola da Voz de Galicia e promovido por Antonio Sandoval e a SGO fíxose un censo de Cuco no que os escolares de toda Galicia enviaron as súas citas para saber onde hai Cucos e cando chegan a Galicia. Parece que pola costa están quedando sen Cucos...

Na Limia e por iniciativa dun pequeno grupo de limiaos, comezamos a censar os niños de Andoriña de cu branco (Delichon urbica). Queremos coñecer a evolución desta especie que nos visita tódolos anos para criar, e saber se se producen variacións co tempo. É un proxecto a anos vista.

A Limia é terra de paxaros dende sempre. As modificacións que o home incorporou na nosa bisbarra fan que moitas especies habituais noutrora, desapareceran hoxe ou sexan agora visitantes fuxidías moi pouco comúns.

Penso que merecen un pouquiño de tempo e esforzo pola nosa parte para que se coñezan, para que se admiren, e para que cada vez máis persoas desfruten da súa presenza e que como di o meu amigo Alberto Martínez Morales: “para que sigan voando ceibes e nós que as vexamos.”