COS OLLOS PECHADOS

imagen-sin-titulo
COS OLLOS PECHADOS

Esta noite tiven un pesadelo terrible. Espertei entre bágoas e tardei en acougar un bo anaco.

imagen-sin-tituloSoñei que o mundo era un lugar cruel, cheo de problemas que ninguén quería ver.

Soñei que miles de nenos morrían de fame todos os días, e ninguén facía nada para evitalo.

Soñei que o mundo era unha marioneta de madeira coa que un puñado de persoas poderosas xogaban, tirando dos fíos para mover todo ao seu antollo.

Había guerras tan antigas e inútiles que xa ninguén recordaba o seu porqué, pero aínda así seguían masacrando a centos de miles de persoas.

Soñei que o amor entre persoas do mesmo sexo escandalizaba máis que a violencia, que centos de persoas eran condenadas a morte por amar a unha persoa do mesmo sexo ca elas. Que eran condenadas por amor.

Que os ríos e os mares se convertían en vertedoiros, os bosques en restos dunha enorme fogueira e o ceo nunha enorme nube negra de contaminación; e ninguén facía nada.

Soñei que a cor da pel definía a unha persoa máis que a bondade dos seus ollos, que a escuridade da pel tiña máis importancia que a escuridade da alma.

As persoas non tiñan voz nin voto, nun mundo no que se respectaba a liberdade de expresión pero non a liberdade de pensamento.

Moitas persoas enfermas morrían por non poder permitirse un medicamento, un tratamento, unha operación. Porque eran demasiado pobres para vivir.

Soñei que a xente se volvía louca namorándose da riqueza, querendo sempre máis e máis, e deixaban de ser persoas para converterse en simples seres humanos.

Que a maltratar a un animal chamábaselle \“arte\”, e canto máis maltrato, máis arte.

Que se destinaba máis diñeiro a fabricar armas destrutoras que a traballar na procura de curas para enfermidades mortais.

Soñei que as mulleres eran consideradas inferiores aos homes e que en moitos países non podían saír a rúa sen ir acompañadas polo seu marido, que era o seu propietario. Que todos os días morrían mulleres por violencia de xénero.

Soñei que o mundo se fracturaba e as persoas se odiaban.

Que o maior problema para todo o mundo, era quen eras ti.

O teu sexo.

A túa raza.

A túa relixión.

A túa orientación sexual.

A túa vocación.

A túa condición social.

As túas ideas políticas.

A túa liberdade.

Eses eran os únicos \“problemas\” que todo o mundo quería solucionar. Pero non se pode solucionar algo que non precisa solución.

Espertei horrorizada do meu soño. Non soportaría vivir nun lugar tan cruel como aquel.

Se eu vivise nun mundo así, non me quedaría calada. Trataría de concienciar á xente de que non o estamos facendo ben, trataría de cambiar todo iso, inda que só fora un pouco. Pode que unha soa persoa non fora cambialo, pero non me marcharía deste mundo sen intentalo.

Pero, por sorte, iso non vai ser necesario.

Tranquilos, só era un soño.

Ou quizais non…

Alba Domínguez Marra