Da crónica negra da Limia e de Sidney Poitier.

xinzo dende o aire
Da crónica negra da Limia e de Sidney Poitier.

Os lectores destes artigos ben saben da miña querenza por pescudar noticias ou cousas curiosas sobre a miña vila en xornais ou libros antigos, pois téñoo contado xa algunha vez neste xornal. Todo o que atopo vouno gardando nun arquivo coa idea de que, nun futuro, poida ser aproveitable para calquera traballo, libro ou artigo (destes, xa teño publicado aquí algún). Procuro que ese arquivo estea clasificado segundo dous parámetros: o primeiro, o tema tratado; e o segundo, a data. Certamente, gardo tamén a fonte ou orixe da noticia. Vou confesar que máis dunha vez pásame polo maxín unha idea un tanto macabra (non sei se esta é a palabra máis axeitada) e que lles vou desvelar: xuntar algunhas desas cousas que encontro, as referidas a crimes ou mortes violentas, e facer unha serie de relatos novelados sobre elas, deixando voar a imaxinación sobre o acontecido, o como e o por que.

Esa idea volveu a min o festivo xoves pola noite, lendo as páxinas dun xornal denominado El censor, que se definía como “diario liberal-democrático de La Coruña”. Nun exemplar do ano I da súa publicación, concretamente na páxina 2 do número 21, de data 29 de xaneiro de 1888, atopei a noticia do suicidio do conserxe do casino de Xinzo que lles transcribo textualmente aquí:

A la puerta del cementerio de Ginzo, se ha suicidado el conserje del Casino de aquella villa, disparándose un tiro de revólver, cuyo cañón se introdujo en la boca.

El proyectil le destrozó el cráneo.

Desconócense los motivos que le impulsaron a tomar tan desesperada resolución, aunque se atribuye a haber sido condenado por esta audiencia de lo criminal a dos años de presidio por disparo de arma de fuego.

Quedei impactado coa noticia e coido que a miña cabeciña non parou de matinar no asunto en toda a noite.

E na mañá do venres, namentres almorzaba antes de ir traballar, lin nos xornais a nova da morte de Sidney Poitier, que como rezaba o titular de El Mundo foi a primeira estrela negra en gañar o Óscar ó mellor actor. Un gran papel na película Los lirios del valle deulle o galardón. Porén, na miña memoria ficará para sempre o seu papel do policía Virgil Tibbs na magnífica En el calor de la noche, película que vin xa varias veces. Souben que por mor dos problemas raciais (Poitier que, xunto con Harry Belafonte, estaba ameazado polo Ku Klux Klan, negouse a rodar en Mississipi) a película filmouse en Wisconsin, pero para as escenas da plantación de algodón tiveron que ir varios días a Tennessee. Namentres estiveron aquí, Sidney durmía cun revólver baixo da almofada.

Porén, o que si me impactou, como a maioría da xente da nosa vila, foi a noticia da morte inesperada do amigo Rudi hai xa uns cantos días, da que souben tamén polos xornais. Aínda non son quen de imaxinar ir ó seu café na praza Maior e non velo tras da barra.

Rafael Laso Lorenzo