Das medidas da terra.

Das medidas da terra.

Unha das primeiras novelas que lin do mestre Jules Verne foi a de 20.000 leguas de viaxe submarina. Podo lembrar o intre aquel en que, con pouco máis de oito anos, a miña mente infantil quedou prendida no título, máis concretamente na palabra \“leguas\”. Creo que foi esa a primeira vez que tomei conciencia de que o mundo era moi grande. Cada vez que recibía carta dos meus pais, daquela emigrantes en Alemaña, pensaba no lonxe que ese país estaba e non era quen de me facer unha idea. Talvez porque as mentes dos rapaces son grandes para unhas cousas e pequenas para outras.

Daquel tempo permanecen moitas das palabras que escoitaba dos beizos dos meus avós. Sempre houbo un universo máxico de raras medidas que non coincidían co que eu aprendía na escola. O avó falaba de beber un neto de viño, de mercar este por cuartillos. E as palabras da lingua tiñan un aquel de pegañentas porque seguen aí, a carón de min máis de cuarenta anos despois. Fanegas, ferrados, tegas, varas, copelos, son algunhas daquelas que o avó pronunciaba e que moito tardei en comprender. Todo o mundo que eu aprendía, medíase en metros ou metros cadrados. E a fórmula maxistral para cambiar destas a aquelas viña a ser algo así como o segredo da Coca Cola.

Seica as persoas levamos toda a vida preocupadas pola medida das cousas. Non nos conformamos con saber, necesitamos comparar e quizais para iso medir resulta imprescindible. Mais hai unidades que resultan difíciles, complicadas. E unha delas é o ferrado, ao que moitos denominan a medida imposible. Se a miña memoria non falla, creo que lin nalgures que no total dos trescentos quince concellos de Galicia hay máis de cincuenta medidas diferentes para o ferrado, con moita variación entre elas. En Redondela, terra da miña dona, o ferrado vén sendo dos máis pequenos do país: 69 metros cadrados. Cando escribo este artigo, veño dunha viaxe polas terras de Foz, onde o ferrado mide 715. E non moi lonxe, en Cervo, chega aos 725.

A falta de explicación máis atinada, a teoría con máis posibilidades di que o ferrado procede da mudanza dunha medida inicial de volume noutra de superficie. O ferrado ou tega, como tamén se coñece noutros sitios, é un recipiente de madeira utilizado para medir o gran. Aquí está xa o primeiro problema: non resulta o mesmo un ferrado de trigo ca un de centeo ou de millo. Por extensión pasóuselle a chamar ferrado á superficie de agro necesario para obter o cereal que cabía no recipiente. Porén, a fertilidade tamén ten algo que ver. Os expertos na materia (eu non o son) din que os datos recollidos contradín a teoría, pois hai terras pobres con medidas do ferrado pequenas (caso de Fornelos de Montes, terras de baixo contido en cinc, onde o ferrado mide 74 metros cadrados).

En fin, que non deixa de ser unha enleada grande.

Non hai moito veu dar ás miñas mans un vello documento no que se denomina \“medidas vulgares\” a esas medidas empregadas no país de noso. E nel exprésanse as equivalencias métricas das \“medidas superficiales del partido\”. Estou a falar, obviamente, do noso, do de Xinzo de Limia. Mágoa que por seren unha copia non se vexan ben algunhas desas equivalencias. Pódense apreciar no cadro que se detalla:

Área

Centiárea

Cuartos

Copelos

Maquilas

Metros cuadrados

La hectárea tiene

100

10000

166

333

216 (*)

10000

La fanega tiene

45(*)

30

30

150

130 (*)

4530 (*)

El ferrado tiene

9

06

6

30

23

906

El cuarto tiene

1

50

5

3

150

El área tiene

100

3

2

El copelo tiene

30

30

La maquila tiene

El ferrado de linaza

3

2

2

10

8

302

As medidas seguidas do asterisco deben ser tomadas con reserva, pois non están de todo claras no documento. En canto ao copelo, Olimpio Liste, do museo etnográfico do mesmo nome, di que fai referencia ao dereito de auga e que ven sendo \“a superficie que é capaz de regar o caudal da levada en determinado tempo, en pleno verán, dende o abrente ata que o sol proxecta a primeira sombra dos piñeiros\”.

No Lethes 4, Angel Cerrato menciona que o propio Catastro de Ensenada de 1753, fala de ferrados e copelos e di tamén que no estudo de M.I. Fernádez Justo de 1986 reflíctese que un ferrado son trinta copelos e que na zona de Mosteiro e San Lourenzo un ferrado de liñaza son tres áreas, medidas que casan ben co estipulado na táboa.

Seica houbo tempos nos que a Limia tiña unha alta produción de liño. Que se mide en \“afusais\” e que segundo o dicionario Xerais da Lingua é unha medida para o liño formada por vinte e oito pares de meadas ou estrigas. Porén, o mesmo Angel Cerrato no seu traballo Tierra, producción y precios. La Limia Alta, siglo XVIII, Catastro de Ensenada 1753, publicado na Revista de Folklore nº 296, di que afusal \“é a cantidade de liño que unha muller pode levar ao río na cabeza para a súa curación\” e que ten dezaseis estrigas.

Así que no país dos mil ríos ao dicir de Cunqueiro, hai unidades de medir que teñen, de seu, algo de máxicas.

Rafael Laso