De árbores salvadas

93
De árbores salvadas

Son unha árbore agradecida por me deixares seguir vivindo. Ó longo da miña vida acubillei, entre as miñas canas e follas, centos de niños. Fun testemuña do milagre da vida, de como estoupaban os ovos nos niños das pegas, dos xirotos, mesmo dos xílgaros. De como os pegos e xirotiños ían medrando, para ser continuadores dese milagre. Un milagre que eu estiven a piques de non ver máis.

92Querían matarme, querían cortarme logo de case que un cento de anos contemplando o devalar da vida a carón desta estrada. De facelo, non habería máis nomes de namorados gravados no meu tronco a punta de navalla. Non sentiría máis esa dor compensada pola certeza do amor alleo. Non volvería sentir ás cóxegas do camiñar paseniño das formigas sobre a miña pel. Os nenos, non volverían gabear por min na procura dos ovos dos niños. Non volvería perder as follas polo outono, quedando núa para o inverno. Non volvería cubrir a estrada coa miña sombra no verán. Deixaría de ser madeira viva, para ser madeira morta, convertida talvez en rachas cuxo destino non sería outro que ser queimadas.

Porén, desta volta, a xente acordou de min e das miñas compañeiras. Defendéronnos e loitaron pola nosa vida, talvez porque formamos parte da súa.

Para toda esa xente, velaiquí o noso agradecemento: seguiremos a darlle sombra no verán á estrada do San Mateo, seguiremos acubillando niños nas nosas copas. Seguiremos vivindo para contarlle aos netos dos paxaros de hai sesenta anos, que daquela había unha lagoa que non tivo a sorte que nós tivemos. Nós, non tardaremos en ser centenarios, se non o somos xa, que con tantos anos, un xa perde a memoria. A lagoa non puido ser eterna, máis nós quizais si. E polo que a min respecta, contemplarei o setestrelo nas noites de verán na chaira limiá, imaxinando os nomes do meu tronco, cavilando se na realidade seguen entrelazados polo amor debuxado coma un corazón. E na invernía, cando o frío caia con forza nas terras da Limia, na miña cerna haberá calor: ese que me deron todas as persoas que me defenderon

Aqueles que len estes artigos que escribo aquí, talvez se decaten de que, o de hoxe, non son eu quen escribe. Ás veces, as palabras son como paxaros e voan ceibes. Non somos os que escribimos os que imos prendendo unhas palabras noutras, non. Son elas, por si mesmas, as que fan xurdir o texto que nós, os que escribimos, non facemos máis que transcribir. Hai como unha voz oculta que nos vai ditando unha palabra tras outra para que lle poñamos luz ó que nos quere contar.

Por iso estas palabras de hoxe non son miñas. Son dunha árbore que me falou cunha voz lene ó meu oído, hai uns días, cando ó volver de Vilar de Santos parei na estrada do San Mateo a acariñar coas miñas mans o toro dun plátano de sombra.

Rafael Laso Lorenzo