De noticias varias

Mosteiro
De noticias varias

7442bedde5d0ee93b95dcfa15dfc2f5d_400x400Seguimos aquí, por Vigo, agardando. Cómpre ser cauto e ter sentidiño. Boto moitísimo de menos ir á miña terra limiá (señor Covid, débesme un entroido e non cho hei perdoar), pero prefiro agardar a que as cousas vaian un pouco mellor. Polo de agora, non deixo de ler este xornal no que saen estes meus artigos nin tampouco La Región. A verdade é que de non ser polas novas tecnoloxías, non sería posible manterme ó día das novas da miña vila.
Souben, así, dese proxecto do concello de habilitar a ruta da Portela para dar a coñecer o noso patrimonio a visitantes propios e alleos. Paréceme unha grande e marabillosa idea, á cal me gustaría contribuír cunha idea curiosa, que paso a explicar. Dende a ruta teremos unhas fermosas vistas ó que hoxe e a inmensa chaira limiá e que no seu día foi a lagoa, espazo presente na vida de moitos persoeiros ilustres que por unha razón ou outra (a dicir verdade, case todos a mesma: o estiñado dela) tivérona moi presente nas súas vidas. Penso que se poderían colocar unhas siluetas ou figuras en metal destes homes e mulleres para facer a ruta máis interesante. Preto do mosteiro de Trandeiras, estaría o coengo cardeal Juan Manuel Bedoya, deán da catedral de Ourense, desterrado no mosteiro por liberal e autor da Memoria para o desaugadoiro da lagoa de Antela. Non podería faltar o correxedor que foi da nosa vila D. Julián Toubes (do que moito nos conta no seu libro o prezado amigo Edelmiro Martínez Cerredelo). A marquesa de Longueville, aquela nobre francesa que quería levar canda ela todas as ras da Limia en bocois de auga tamén debería estar. E algún romano, pois seica foron os primeiros en teimar coa seca da lagoa. En fin, só é unha idea que deixo aquí por se alguén o estima de proveito.

Idea moi proveitosa, pareceume a campaña realizada o día do libro polas librarías da vila e a concellería de Cultura. Todo o que sexa apoiar a lectura ten que recibir todos os parabéns. Non como ese bombardeo incesante ó que estamos sometidos coas noticias da filla dunha cantante e as da revolta campaña electoral en Madrid, que non deixan case espazo a outras cousas que acontecen no país.

Quen imaxino andarán contentos estes días, serán esas persoas agraciadas co primeiro premio da Lotaría Nacional que tocou en Xinzo o pasado día 24. Que o desfruten con saúde!

Eu, este luns a mediodía, por videoconferencia, dadas as circunstancias, puiden desfrutar e compartir unha hora marabillosa coa rapazada dun colexio da Coruña, que andan a ler o meu libro Unha vida de ra. Un cento de rapaces e rapazas (catro clases enteiras) que como se fosen xornalistas experimentados, fixéronme unha morea de preguntas. Todos querían saber. Mesmo unha rapariga preguntoume de onde era. Faleille da miña vila, de que temos o máis longo e marabilloso entroido do mundo, das ras, da lagoa e das súas lendas, da miña vida en Xinzo de pequeno. Con todas esas cousas, o tempo pasou de contado. É o que acontece cando estás a gusto.

Rafael Laso