De radio e de xornais

414
De radio e de xornais

414Debo confesar que, contrariamente ó que adoito sempre, nestes últimos días leo a prensa case por riba, sen determe en moitas fonduras. Os xornais traen case todos as mesmas novas diferenciadas por pequenos matices. A maioría das columnas de opinión que sigo, agás algunhas, tratan todas do mesmo tema, falando da situación actual do país, con opinións para todos os gustos. Ás veces, dáme a impresión de que os xornais son iguais dun día para outro cambiando unicamente as esquelas mortuorias.

Outro tanto, acontéceme coa radio. Como por motivos laborais viaxo bastante, gústame escoitar a radio no coche. E debo confesar tamén, que nestes últimos días, case que costa diferenciar as distintas emisoras. Comprendo que a audiencia é a que manda, e se nunha determinada hora, unha cadea emite un programa, por exemplo, da vida social, as demais fan o mesmo por mor da competencia.

Por iso, esta semana de mediados de setembro, proporcionoume dúas sorpresas ben agradables. A primeira, un programa de radio de fermoso nome: Chamando á Terra, na radio galega os sábados de tres a catro da tarde, conducido pola xornalista e escritora María Solar. Un programa sobre libros, sobre os nosos libros de hoxe e de sempre, sobre a literatura galega, feita por nós e para nós e na nosa lingua. A hora de programa pasou moi rápido. Desexo que dure e moito.

A segunda sorpresa viu na prensa escrita. Unha noticia sobre un señor de Vitoria con casa en Foz e que adoita facer en tren a viaxe dende esta vila ata Ribadeo. Fiquei abraiado ó ler que José María, así se chama este cidadán, presentou unha reclamación a Renfe como protesta... porque ninguén lle cobrou o billete. Seica o tren viaxa sen interventor.

Este tipo de rarezas, un programa de radio sobre libros, nun país onde pouca xente le (segundo nos contan as estatísticas) e unha persoa que reclama porque non lle cobran un billete de tren, ben é verdade que producen abraio. Aínda que non tanto como algúns personaxes públicos aos que lle preguntan polo último libro que leron e non se acordan, ou como eses cargos públicos que van de vacacións pero que non as pagan eles. Penso eu que, os primeiros, deberían escoitar o programa de radio; e os segundos, aprender do exemplo de José María.

Rafael Laso Lorenzo