De roubos e ladróns.

Foto "El confidencial.com"
De roubos e ladróns.

O pasado venres catorce de outubro, tiven a honra de presentar a miña novela A revolta da lagoa nun acto organizado polo Ateneo Cultural de Ourense, ao que transmito dende estas liñas o meu agradecemento pola estupenda organización e polo alto número de asistentes ó mesmo. Rematado o acto, e xa coa noitiña enriba, fun dar unha volta polo casco antigo na compaña duns amigos, para rematar ceando despois na terraza dun estupendo local. Estas ceas en boa compaña teñen a vantaxe de que o vagar e a tranquilidade permiten unha sobremesa de conversa demorada e calaceira. Falamos de todo un pouco, como adoita acontecer nestes casos. Un dos temas que saíu foi o desas dúas rapazas ás que se lle deu por guindar uns botes de salsa de tomate contra o cadro Os xirasois de Vincent Van Gogh, na National Gallery de Londres. Confeso que, entre os catro, non fomos capaces de atoparlle unha explicación a semellante feito. Ou talvez si, porque como dixemos alí todos, semella haber persoas que ás veces perden o norte e a cabeza váiselle a tolerías destas. Pasados uns días, eu seguía a matinar no asunto e acordei de que quizais as rapazas quixesen superar a Andy Warhol e os seus cadros das famosas latas de sopa Campbell. Claro que o bo de Andy pintou as latas pechadas e non se lle ocorreu verter a salsa no lenzo. Por certo, que se a el as famosas latas déronlle para unha serie de trinta e dous cadros, eu nunca pensei que a historia do roubo acontecido no comercio do señor Alonso Nieto, alá polo mes de febreiro do ano 1916, da que lles falei aquí nos meus anteriores dous artigos, me daría aínda a posibilidade dun terceiro. Dígoo, porque rebuscando no meu arquivo de vellas noticias de xornais, reparei nunha na que outras veces non me fixara. Viña tamén no xornal El Correo de Galicia, no número do 15 de febreiro de 1916 e dicía así:

"En la cárcel de Orense ha ingresado un sujeto de pésimos antecedentes. Llámase Ricardo Vázquez Iglesias, de 56 años, natural del pueblecillo de Currás, en el inmediato ayuntamiento de San Ciprián de Viñas.

Dicho sujeto estaba reclamado por el Juzgado de Instrucción de Ginzo de Limia, como autor del robo de diez mil pesetas, realizado en un comercio de aquella villa en 12 de Febrero último.

Ricardo Vázquez fue detenido por el guardia civil del puesto del Puente (Canedo) Tomás Vidal Rodríguez.

Es licenciado de presidio y, entre otros documentos, se le ocupó una baja en el Hospital de Vigo con nombre supuesto.”

Non sei se Alonso Nieto chegaría a saber do ladrón do seu comercio. Porén, ese lector de Madrid, bisneto del, vaino facer cando lea este artigo. Cousa que tamén farán familiares seus en Sevilla e Valencia, dos que me contou que tamén len este xornal.

Rafael Laso Lorenzo