Dende o Támesis ó Lethes

Dende o Támesis ó Lethes

“Temos que marchar, temos que emigrar, aquí  non hai nada que facer, xa non hai traballo nin futuro para os mozos neste país...”, cantas veces escoitaríamos esa frase nestes tempos de crise sen chegar nunca a pensar que realmente íamos ter que facelo, pero así é.

Recordando aquel poema de Rosalía de Castro, adeus ríos adeus fontes, adeus regatos pequenos... e unha lista innumerable de lugares dos que se tiña que ir despedindo ó emigrar, eu un 15 de novembro calquera tiven que deixar a miña terra para marchar aló lonxe, a esa cidade onde comen rarísimo e circulan pola outra beira da estrada. Á cidade máis grande de Europa e onde nin miden, nin pesan, nin pagan igual ca nós. Cunha maleta e pouco máis montei naquel avión soliña e cagadiña de medo. ¿Qué me podía esperar daquel mundo? Ía ser todo tan diferente, o idioma, a xente, a forma de vida, incluso os medios de transporte. Co sinxelo que é ir camiñando a tódolos lados, co a gusto que se sinte un indo a un bar e coñecendo a metade da xente que está alí, que te inviten a tomar a caña, os chourizos, a estrela galicia, o panciño recén feito, o cheiro a matanza cando vai ser o Nadal , ese frío seco de neve que se mete pola fronte e conxela ata aquelas partes do corpo que non sabías que podían sufrir... Todas esas cousas, aquí non van pasar. Aquí é todo grandioso, asusta. Asusta ver como a cidade e as grandísimas rúas, xunto cos máis de dez millóns de persoas que viven, poden comigo se queren. Porque doume de conta de que ó poñer un pe fora do vagón do metro, outras miles de persoas están a facer o mesmo ca min en diferentes puntos da cidade. Porque eu non son máis ca unha pequena mosca que sigue o ritmo que xa previamente estaba marcado na estrada. Só unha pequena ficha deste taboleiro xigante que se da en chamar Londres.

Só quero darme conta do que estou a facer aquí e do que poderei chegar a facer, mentres tanto, nos ratiños que teño libres e sobre todo antes de durmir, penso na miña casiña, nos chourizos da miña abuela, as comidiñas que me facía e canto tardarei en que mas volva facer. Londres é marabilloso pero o sentimento de estar na casa, ese cheiro particular, non mo da ningún outro sitio que non sexa a Limia.