Depresión Post- Entroido

María Barreiros y amigos
Depresión Post- Entroido

O Entroido é esa etapa do ano na que se esquecen todos os males, na que te levantas polas mañás cantaruxando cancións de charanga e na que as cores rechamantes dos disfraces se encargan de tinguir de ledicia os corazóns dos que gozan destes días na vila.

Neses días nos que desexas que o tempo se deteña, non concibes unha vida sen estar disfrazado día e noite. Pero todo é efémero e nun abrir e pechar de ollos espertas un mércores de cinsa e decátaste de que terás que esperar uns 365 días para o Entroido do ano seguinte. Pasarás pola Praza do Concello para saber cantos días quedan para que volvan eses días marabillosos e unha sen fin de lembranzas roldarán pola túa mente, trasladándote por uns instantes ao Entroido.

Se os días previos ao Entroido, este era o tema por excelencia de todos os cafés, o remate do mesmo traerá consigo non só centos de notificacións nas redes sociais de fotografías de Entroido, senón tamén cafés nos que rememorarás anécdotas que che sacarán unha gargallada e momentos capaces de roubarche un bo sorriso.

A súa fin vén acompañada con de dor de pés por percorrer toda a vila detrás das charangas e cun profundo baleiro sentimental. A volta á rutina tórnase dura, o son das campás das Pantallas xa non será o teu espertador e o silencio das rúas alimentará ese baleiro que te acompaña.

O bo das tradicións e que se repiten ano tras ano. Como limiá, gustaríame que para o ano, cando saíse a ver bailar ás Pantallas, vise Pantallas e non espantallos. Para min, é unha figura que caracteriza o noso Entroido e polo tanto, merécese un respecto. Dende aquí, gustaríame facer un chamamento para que o que queira vestir o traxe teña en conta que é un traxe e non un disfrace e o significado que ten para os que sentimos o Entroido de Xinzo. A Pantalla non sae de noite, non é un medio para embriagarse de balde, non usa deportivos e non corre, baila.

María Barreiro