jueves. 01.12.2022

Acabo de rematar a semana de traballo. A vindeira estarei de vacacións, pechado na casa. Hai un par de anos por estas datas estiven na Azinhaga, o lugar onde naceu Xosé Saramago, un dos meus escritores preferidos. Na súa casa natal, convertida en museo, había unha frase fermosa que non esquezo: Déixate levar polo neno que fuches. E iso vou facer hoxe, deixarme levar polo neno que algún día fun e xa non serei nada máis que na miña memoria.

imagesSon un neno de nove, dez, once anos. Dunha vila calquera, dunha cidade calquera. A xente pensa que teño aínda moito por aprender e non lles falta razón. Pero, malia a miña pouca idade, xa teño unha arma poderosa: son capaz de pensar. Si, son un neno, gústanme cousas de nenos: brincar, correr, saltar, xogar, berrar. Pero estou comezando unha viaxe marabillosa, a pensar por min mesmo. Certo que ás veces, moitas aínda, os meus pais teñen que corrixirme, cousa que non é toda do meu agrado, pero que me vale para aprender. Porque hai unha cousa que xa sei: nacín, aprendín a chorar, a comer, a camiñar, a falar, a xogar, a ler... toda a miña a vida vai ser unha aprendizaxe continua. Gústame aprender e gústame que me ensinen. O mundo vai ser para min, como agora o é para os meus pais e antes foi para os meus avós. Todos eles son os maiores. Moitos pensan que son un neno, que non me decato aínda das cousas, cando estou ás miñas. Non, non están no certo. Están errados, porque malia que estea a xogar cos xoguetes, coa Play ou coa tablet, decátome, escoito, entendo... e penso. Estou pechado na casa, non podo saír. Sei polo que, explicáronmo. Enténdoo. Levo tres semanas aquí, sen escola, sen ver os amigos, sen ir troulear polo parque, caer o chan, mancarme e manchar a roupa. Lévoo o ben, mais algunha vez gustaríame berrar porque me veño abaixo. E volvo arriba, porque escoito, entendo...e penso.

Son un neno dunha vila, dunha cidade calquera. De nove, dez, once anos, como o neno anterior pero cos meus ollos resgados porque teño Down. Gústame xogar, enredar, moitas cousas como ó neno anterior. Non penso tan ben como el, porque me costa máis. Pero tamén penso e aprendo a pensar. E sei que el é o meu amigo. Imos a mesma escola. Fala comigo. E non fai caso da forma dos meus ollos. E como el, tamén estou pechado na casa, non podo saír todo o que quixera, pero a miña nai lévame todos os días un pouco a dar un paseo pequeniño. Cando chove non. Cando chove póñome a carón da fiestra para ver como as pingas esvaran polo vidro. Sígoas co meu dedo e tardei en comprender porque este non se molla. Eu tamén escoito, entendo e penso, pero máis lento.  

Son un neno dunha cidade calquera. De nove, dez ou once anos. Non son como os anteriores, pero tamén son un neno. Gústame correr e saltar, moitas veces sen parar, ó chou. Os meus ollos non son resgados, son normais, pero ollan para outro sitio. Miro sen ver. Cóstame falar. Hai cousas que me gustan, pero que non lle gustan a outros nenos. E cousas que non. Non me gustan as apertas, nin as caricias. Móvome, ao meu ritmo, abaneo. Son así. Son autista. E o que máis me gusta é saír da casa, sempre á mesma hora. Xa sei cando vai ser. Hai algo dentro de min que mo di. E estes días non me gusta facelo, hai xente que berra e o ruído non me gusta.

Deixeime levar polo neno que fun e volvín para ser o adulto que son. Esquecín por un día a señora do anorak mostaza na súa terraza, as luces de nadal do seu edificio que volveron prender hoxe a noite. Non esquecín os aplausos das oito da tarde na terraza coa miña dona e con eles lembrei que o 21 de marzo foi o día mundial da síndrome de Down, que onte 2 de abril foi o día do autismo. Lembrei que hai que respectar a diversidade e usar a mente antes que as palabras. Non como esa xente que nestes días de coronavirus berra, protesta ou mesmo insulta (tal como se di na prensa) a esas nais ou pais que deben sacar os seus nenos á rúa porque o necesitan. Nenos que, ó seu xeito, tamén entenden e que hai que respectar.

Rafael Laso Lorenzo