Domingo de entroido.

pantallas
Domingo de entroido.

Quedan sete días para o comezo desa festa orgullo de todas as xentes da Limia.

Quedan sete días para o comezo desa festa orgullo de todas as xentes da Limia. Atrás quedan os días previos, os outros domingos marcados no almanaque. Voaron os farelos, racharon as olas e o primeiros disfraces correron as rúas da vila.

Mais aínda quedan sete días para o comezo dese meu ritual particular. Ese que principia por poñer uns calcetíns negros coma os zapatos e despois o pantalón branco antes de calzar estes. A seguires a camiseta e a camisa branca. Cada botón abrochado é un chanzo máis ata os derradeiros: os dous botóns dos puños. A faixa vermella vaise desenrolando e apretando sobre min, coma unha aperta longa dun único brazo. Arrecende o cheiro a coiro do cinto, cheo de campaíñas e de axóuxeres, esa carga sonora que está xa arredor da miña cintura. A capa vermella coas cintas de cores, as máis delas azul ceo e brancas, descansando xa sobre as miñas costas, remata co anoado no meu pescozo e ese paíño que o cobre. Poño as luvas brancas e penduro as vinchas de cadansúa man. Por fin collerei a pantalla e antes de saír a rúa, hei, coma sempre, acariñar a súa face.

A praza será un fervedoiro de xente, de disfraces, de pantallas. A troula, os viños en calquera dos bares e tabernas, virán despois dunhas cantas carreiras polas rúas da vila. Porén, nada poderá substituír ese sentimento que vai dentro de min baixo o disfrace. Ese que comecei a sentir cando era un cativo e para o que restan só sete días.

Para toda a xente da Limia, para toda a xente que nos visita o meu desexo dun moi bo entroido.

Rafael Laso