Domingo sen entroido.

pantalla
Domingo sen entroido.

Díxenlle ó meu fillo que este domingo poñeríamos a pantalla, mais non vestiríamos o traxe. Tan só para que as dúas, que repousan todo ano penduradas no cuarto onde escribo, non boten en falla sequera ese día fóra do seu sitio. A miña, leva dende o mes de agosto cunha máscara cirúrxica cubríndolle a boca e o nariz. Talvez por mentalizala de que este ano non podería saír de troula e tamén para mentalizarme eu mesmo, afacéndonos os dous ó feito de que este ano non sería posible desfrutar do entroido. Este ano estaremos orfos del.

Porén, sendo sincero, hai tempo que me din conta de que prefiro estar orfo do entroido e non de pai, nai ou de calquera familiar ou amizade. Sinceramente, non podo coa idea de que pola miña mala cabeza de ir de festa, puidese quedar sen alguén da familia. Nestes intres, precisamos de todo o sentidiño posible e ser conscientes de que a vida é o máis importante. Creo que xa levan morto persoas (talvez algún político gustase de empregar a palabra xente, pero eu prefiro esta) de máis como para non preocuparse polo asunto.

Nese sentido, acaba de chegar a min o vídeo editado polo concello de Xinzo, chamándonos a todos os limiaos, á responsabilidade. Pareceume cousa moi axeitada, o entroido volverá o ano que vén e está nas nosas mans que para entón podamos vernos e desfrutalo como se merece. Por iso, quedei fondamente preocupado por esa noticia aparecida en varios xornais, na que se facía referencia á procura de locais para alugar e celebrar festas particulares. Hai nada, a situación na miña vila era das peores do país e non é cuestión de volver a semellante cousa. Dado que as vacinas van chegando a un ritmo que seica non é o esperado, cómpre que sexamos nós os que tomemos as medidas precisas para garantir a saúde. Para o entroido do vindeiro ano, xa desfrutaremos tamén o que non se puido troulear neste. Espero que veña axiña, máis que nada para que poida vir visitarnos ese meniño que, segundo nos conta a amiga Paula Palomanes no xornal La Región, naceu na fermosa vila de A Pobra do Caramiñal e a quen seus pais puxeron de nome Xinzo. Sei dalgunhas rapazas que levan o nome de Antela (entre elas, a filla de Antón Reixa) pero non sabía de ningún rapaz co nome da nosa vila. Dende estas liñas, os meus parabéns a Beatriz e José, pais dese raparigo ó que lle desexo, neste domingo sen entroido, que poida desfrutar de moitos outros cando sexa maior. Talvez sexa quen de correr coa pantalla como calquera limiao máis. Poida que non o leve no sangue, máis si que o leva no nome. Moita sorte, Xinzo!

Rafael Laso