DON QUIJOTE DE LA MANCHA

DON QUIJOTE DE LA MANCHA

En un lugar de Europa, de cuyo nombre no quiero acordarme, no ha mucho tiempo había un país...

Un país que fai cincocentos anos, tras descubrir un novo continente foi o amo do mundo.

Despois de desembarcar en praias americanas cun poderoso exército, fortemente armado, seguíu a conquista co exército evanxelizador, terras adentro. En troques, foron para ese país milleiros de barcos cargados de ouro e prata. Tiñan diante a oportunidade de dinamiza-la súa cultura, de revolucionar a estructura social e de se-la economía máis forte do mundo durante moitos séculos. Non foi así. A riqueza fixo que os gobernantes dese momento se corrompesen e que o ouro que chegaba, se disipase.

Monarcas, aristócratas e novos ricos, vivían no paraíso ata que o maná se esgotou. O novo mundo ficou estiñado para sempre e a Madre Patria esmoreceu abafada na súa propia miseria despois de dilapidar todo canto polas súas mans pasara.

Cincocentos anos despois, ese país descubriu outro novo mundo, Europa.

Logo de estrear democracia e máis tarde a incorporación á Comunidade Económica Europea, voltaron entrar nese país toneladas de ouro e prata, a xeito de divisas, para equipara-lo seu nivel ó dos socios comunitarios. Os primeiros anos, ese país medrou dun xeito espectacular e pouco lle podían envexar ó resto de Europa.

Cando a xente, despois de conseguir un estatus aceptable adormeceu, de novo a clase política foi quen de corrompe-lo sistema e o ouro voltouse derreter coma a manteiga no lume.

Cal sería agora a solución para salvar ese país que non aprendeu nada da historia?

Cecais que veña un Don Quixote que loite contra os muiños de vento.

É posible?... Virá, e terá que ir despertando á xente enmeigada polo discurso dos que afogaron o país e se afanan por seguir aferrados na cadeira do poder.

Terá que comezar rachando coa súa lanza ben afiada, a Lei Electoral. As listas electorais terán que ser abertas para que o cidadán lle vote ó candidato que o mereza e non ó escollido polo partido.

A financiación dos partidos será só a cargo dos presupostos xerais do Estado e con total transparencia.

O cabaleiroso fidalgo non deixará que os políticos permanezan máis de dúas lexislaturas nos seus cargos e faráos incorporar logo á súa actividade profesional habitual, non outorgándolles pensións vitalicias nin compensatorias, nin permitirá as portas xiratorias. Rexiranse polo horario establecido legalmente para o resto de traballadores, xustificando as ausencias e gastos derivados das mesmas. Cotizarán para a xubilación os mésmos anos que o resto dos cidadáns. Desaparecerán os aforamentos e serán xulgados por tribunais ordinarios. Para conseguir este cambio, o ilustre manchego, terá que romper máis dunla lanza e Sancho ha ter que lle facilitar máis dun escudo . Veremos se aguanta o tirón o vello Rocinante.

Logo desta batalla, e de gañala, o noso heróe irá contra as institucións. Eliminará as Deputacións Provinciais e o Senado, ou reformarao para que sexa unha verdadeira cámara de representación territorial. Rebaixará de xeito significativo o número de deputados autonómicos, nacionáis e europeos. Eliminará os órganos consultivos das CCAA e deixará un só defensor o pobo, de ámbito nacional. Renovará o Tribunal de Contas e o Banco de España, para que sexan verdadeiros órganos de control das institucións e da banca.

Na política municipal, o Don Quixote terá que ir ben pertrechado para agrupar concellos e suprimi-los soldos dos alcaldes e concelleiros en municipios de menos de 7.000 habitantes.

Meterá a lanza na Constitución para que o Fiscal Xeral do Estado non sexa nomeado polo goberno de turno e poida ser de verdade acusador e defensor público, sen ataduras nin inxerencias de tipo político.

Todo-los cargos políticos responderán no ámbito penal e civilmente co seu patrimonio, das actuacións irregulares producidas mentres ostentan o cargo, no que cesarán ó seren imputados.

Para rematar esta primeira incursión bélica, o fidalgo creará un corpo técnico de funcionarios con atribucións de fedatarios públicos para presupostar toda-las obras que adxudique a Administración, eliminando intermediarios nas contratacións.

Prohibirá subcontratas e ampliacións presupostarias. Creará empresas públicas para obras ordinarias de menor entidade.

E por suposto, paralelamente a estes toques de lanza de Don Quixote, Sancho Panza reformará e dotará de medios á Administración de Xustiza, para imputar, xulgar e encadear a todo aquel que meteu man nas arcas públicas e ós que dende a propia Administración o consentiron de xeito pasivo ou activo.