Durmindo nun frío portal

images
Durmindo nun frío portal

imagesHai algo máis dun ano, nun artigo alá polo final de setembro, falei aquí de que os galegos somos xente cargada de misterio e poesía, tomando a frase emprestada de Manuel Núñez Singala. E malia estármonos aproximando a velocidade supersónica cara o Nadal, este artigo non vai diso, non.

Creo que nunca o home saberá como é realmente. Eu sei que son como son, mais sei que tamén son como os demais me ven. E nunca teremos claro se esa imaxe que os demais ven de nós, coincide exactamente coa que nós vemos. Porén, hai imaxes que non son relativas, opinións que non son subxectivas. E unha imaxe dese tipo vina hai uns días, unha desas escenas na que segues a cavilar moito tempo despois.

Esa imaxe era a imaxe dun home durmindo nun portal. Vino de costas, tendido no chan sobre uns cartóns e uns xornais para illarse do frío. A súa roupa, vella e manchada, esfiañábase xa nalgúns puntos. Dende o meu coche, parado diante do semáforo que amosaba unha luz vermella brillante, contempleino todo o tempo ata o intre de reiniciar a marcha. A xente camiñaba pola rúa, pasando sen inmutarse a carón del, que seguía a durmir alleo a calquer ruído próximo.

Talvez ao día seguinte, volvese a aquel portal para durmir. Non o sei porque non pasei por alí. En calquera caso, é triste imaxinar a vida este home, talvez chea de golpes e fracasos. Tantos, que o único que lle queda é o humilde acubillo dun portal.

Rafael Laso Lorenzo