A educación mediática

A educación mediática

Hai unha frase que me gusta moito, de feito é a miña cita favorita “Quen trata de atopar as diferenzas entre educación e entretemento só mostra a súa total ignorancia nas dúas materias”. A frase é de Marshal McLuhan, un dos principais e máis famosos teóricos da comunicación e tamén educador. Segundo as súas palabras, o entretemento e a educación van inexorablemente unidos, e isto afirmábao hai máis de tres décadas (morreu en 1980). Cos tempos que corren hoxe en día, no que a comunicación e os medios están irremediablemente presentes en practicamente todas as facetas das nosas vidas, persoalmente creo que esta afirmación cobra aínda máis forza, pois non creo que poidamos separar o ámbito do lecer e do entretemento co da aprendizaxe e desenvolvemento continuo no que estamos sumidos coas novas tecnoloxías cada vez máis imprescindibles para calquera faceta cotiá.

Precisamente por esa omnipresencia dos medios, que se coan polas rendixas dos nosos fogares sen que nós lle demos permiso, que penetran nas mentes dos nosos nenos sen que moitos pais sequera se percaten, e que modifica e afecta as nosas vidas moito máis do que pensamos; creo firmemente que o audiovisual debería ser algo que todos aprendamos a usar correctamente, a xestionalo e adaptalo ás nosas necesidades. E deberíamos aprender a usalo dende a infancia, máis aínda sabendo en que medida os nenos do novo milenio utilizan e están en contacto cos medios.

Non só é interesante que os rapaces aprendan a utilizar e saber como funcionan os medios, para min, o vital é que aprendan a recibir, a consumir as súas mensaxes. Que aprendan a ser selectivos, críticos, non “tragar todo o que lles boten”, a filtrar, a dosificar. E iso apréndese sabendo como funcionan, como nos afectan esas mensaxes e sabendo os “trucos de maquillaxe” cos que se elaboran.

Estanse a pór en marcha moitas iniciativas educativas para incluír os medios de comunicación nas aulas e sumerxir ás novas xeracións na dinámica e funcionamento do audiovisual e os seus produtos. Estas iniciativas van dende talleres ou obradoiros prácticos (de gravación de curtametraxes, videopoemas, etc), conferencias teóricas, seminarios, etc. nos centros educativos, impartidos por profesionais do audiovisual, ben en horas lectivas ou como actividades extraescolares. Ademais destas iniciativas a nivel persoal tamén as organizacións, asociacións e empresas comezan a apostar por proxectos educativos deste tipo. Por outra banda, grazas a profesores comprometidos (como foi no meu caso) nalgúns institutos, mestres de galego, de plástica ou de calqueira materia aproveitan as sesións das súas aulas, as titorías ou mesmo algúns recreos para impartir obradoiros deste tipo e ir introducindo aos rapaces neste ámbito.

Pero non é suficiente. Na miña opinión todas estas iniciativas son marabillosas, mais creo que serían acordes á realidade social fai unha década, ou media. Hoxe en día, estamos sumerxidos de cheo na era da comunicación, das novas tecnoloxías, vivimos na era 2.0 e hoxe a comunicación debería ser unha materia impartida nos colexios dende a máis temperá infancia. Xa non digo obrigatoria (que así o creo), pero polo menos optativa, pois ninguén pode negar que hoxe os nenos (ata os das aldeas, aínda que menos) xogan máis con gadgets electrónicos que con xoguetes tradicionais e consumen moita máis televisión e internet que contos, lendas e historias da tradición oral popular.

Pero claro, isto suporía unha (outra) reforma educativa e, vistos os tempos que corren e o goberno que leva o timón deste país, está claro que estar á última en educación, innovación e tecnoloxías non é unha prioridade. Ou mellor dito, ter mentes formadas, críticas e analíticas, reflexivas e selectivas non é unha prioridade en absoluto, senón que se evita a toda costa. Ou non?