Érase unha vez un alcalde, un partido e un país desviados

Érase unha vez un alcalde, un partido e un país desviados

XOSÉ LOIS CARREIRA

Levo algo máis dunha década indo á asembleas do BNG e sigo con vida, cerebral. A mensaxe da dirección nacional, unha vez máis, despois de trinta anos de andaina é outra vez a mesma: desta vai para o nacionalismo galego. Desta vai seguro, aínda que só sexa por simple estadística, mais cara ó fin. Ó fin de tanta arela colectiva, unha das grandes eivas do bloque que xa nin merece a pena retratar: confundir fortalezas e debilidades cos soños e arelas, confundir o partido e a Galiza real con algo que a moitos nos gustaría que fora mais non é.

Tanta labor colectiva, xeracional, tanta reivindicación, para que? É unha mágoa que unha fronte con esta intensidade histórica, que fai vinte anos foi quen de crer, transformar e salvar unhas vilas que lle deron a oportunidade de gobernalas, desapareza sen máis. Igual de incrible que a surrealista e esperpéntica situación do nacionalismo-galeguismo-esquerda galega para escarnio colectivo engadido á traxedia diaria dun drama social que por enriba asúmese como propio. Mentres os de enfronte, eses que tan ben nos gobernan, serenísimas e broncíneas maxestades autonómicas, provinciais e locais pasan o lecer practicando o non me consta. E xa que logo, falando do eido local, tocado tamén pola contrarreforma, hai que subliñar á vila de Xinzo onde o Avogado do Estado Xefe de Ourense ven de denunciar ó alcalde limiao tanto por infracción do Ordenamento Xurídico como por desviación de poder ao enchufar ós seus, sen concurso de mérito nin publicidade nin crédito, á catro interventores do PP e a pesar das reiteradas advertencias de secretaría e intervención, algo que con moita probabilidade pódelle custar unha inhabilitación para cargo público de aló menos sete anos. Este é o surrealista conto dun alcalde, dun partido e dun país desviados.