Escaleira ó ceo.

IMG-20201204-WA0003
Escaleira ó ceo.
Pequena homenaxe ao curmán político de Rafael Laso

Supoño que Jimmy Page e Robert Plant, do grupo Led Zeppelin, non me tomarán a mal que tome emprestado para este artigo o título da súa famosísima canción.

Decataranse ó remate que non é casual a escolla do título.

IMG-20201204-WA0003Teño estado nalgunhas partes do mundo onde atopei escaleiras marabillosas. A primeira que me abraiou esta nesta nosa terra, en Santiago, e non é outra que a moi nomeada escaleira tripla de caracol de San Domingos de Bonaval creada polo mestre Domingo de Andrade no período de transición ó barroco para orgullo de Galicia enteira.
Outra delas é a escaleira da Praza de España en Roma, na que estiven dúas veces. A primeira no ano 2005 e a segunda no ano pasado. Seguen sendo moi fermosas, máis nesta segunda visita as autoridades xa tiñan prohibido sentarse nelas, cousa que si puiden facer na primeira.

En París, no barrio dos artistas, Montmartre, hai que subir todos os chanzos das escaleiras que nos levan ata a basílica do Sagrado Corazón. Fan falta moitos folgos para iso, mais non producen a sensación de abafo que hai nas escaleiras de baixada a cámara sepulcral da pirámide de Micerinos en Exipto.

De todas maneiras, quédome coas escaleiras do santuario do Bom Jesús do Monte en Braga, que moitos consideran as máis fermosas de Portugal.

Durante longo tempo andei impresionado pola escena da película O exorcista, na que o padre Damien Karras caía por unhas escaleiras construídas no ano 1895, atopando a morte ó final dos setenta e cinco chanzos, namentres soaban os acordes de Tubular bells de Mike Oldfield. E nos meus paseos por Vigo, cidade onde hai bastantes escaleiras, imaxinaba aquelas nas que se podería rodar unha escena semellante. Agora, na cidade, hai un plan que se chama Vigo vertical. Como consecuencia del, hai unhas escaleiras mecánicas que suben dende a Porta do Sol ata as lindes da casa do concello por unha rúa que se chama Baixada a Príncipe. Non fun nunca por elas, pois gusto de subir e baixar esa rúa que só ten chanzos de escaleiras e apenas dous ou tres descansos. A última incorporación a ese plan, é (para o meu gusto) un espantallo de ramplas mecánicas ra rúa da Gran Vía, cubertas cunha estrutura metálica de cores variados pechada con vidro, estragando o que, en palabras dalgún afamado arquitecto, era “o mellor bulevar de Galicia”. Foron inauguradas días atrás baixo os acordes da música de Beethoven e Ludovico Einaudi.

Non sei que pensaría deste detalle musical o marido da miña curmá, o Amador, bo home e mellor persoa, que acaba de deixarnos. Melómano como era, talvez lle agradase a idea. Porén, a min o que me gusta e imaxinalo subindo os chanzos desa escaleira que o leva ó ceo, en tanto as voces dos seus compañeiros e compañeiras da coral na que cantaba, degrañan os versos da canción dos Led Zeppelin.

Rafael Laso Lorenzo.