A Esmola

ADOLFO  FERNÁNDEZ  DAFONTE

Ata ben entrada a década dos anos setenta do século pasado, era habitual ver nos meses de inverno pola Baixa Limia moita xente procedente de Portugal e doutros lugares de xeografía peninsular, a pedir esmola polas portas.

Camiñaban polas aldeas, relatando as súas traxedias familiares e persoais. A uns, queimáraselle a casa e quedaran co posto. Outros tiñan moitos fillos e quedaran viúvos. A realidade era que ninguén sabía se crer ou non as historias daqueles camiñantes que petaban nas portas coa tristura debuxada nas súas facianas. A pesares das dúbidas, a xente colaboraba co que podía.

Na miña aldea, cada vez que aparecía alguén a pedir, os máis vellos, lembrando as historias que ouviran nas lareiras, falaban sempre do amigo do boticario, un bo relato que aínda teño na memoria.

A finais do S. XlX, tódolos invernos, dende o mes de novembro ata o mes de febreiro, aparecía un portugués ó que lle faltaba a man esquerda. Tal defecto físico, tapábao cunha luva de coiro preto.

Acompañado por un pequeno burro percorría a Baixa Limia na procura de esmolas. O home levaba máis dunha década coa mesma actividade e xa era coñecido e respectado por toda a veciñanza. Educado, culto, con estilo e moi xeitoso no uso da palabra, non se asemellaba a ningún dos que pedían pola zona. Durmía tódalas noites na casa do boticario, co que mantiña longas conversas, acadando unha grande amizade entre ámbolos dous.

Un ano, a finais do mes de febreiro, anuncioulle ó seu amigo que ese había de selo derradeiro inverno que ía pasar na casa, pois xa tiña as súas necesidades económicas e as da súa familia máis que cubertas.

Escribiulle o seu enderezo nun papel ó boticario e pregoulle que o visitara canto antes. Tamén lle pediu que levara ó seu fillo para que coñecese á  filla vinculeira que tiña en Portugal.

O boticario, aínda que o tiña en grande estima, consideraba que a elevada categoría socio-económica do seu fillo, non tiña nada que ver coa da filla do amigo portugués.

Pasados varios anos, o boticario, ante a necesidade de  mercar  produtos para a o seu negocio, desprazouse a Portugal, acompañado polo seu fillo. A casualidade quixo que pasaran preto da vivenda do portugués e a curiosidade fixo o resto. Ó ve-lo tamaño do portairo de entrada que tiña a finca, a extensión do labrado e a magnífica  casa de pedra, coidaron que o enderezo non era o correcto. Estaban a piques de da-la volta cando apareceu o portugués montado nun cabalo, suxeitando as rendas coa man dereita e a fusta coa esquerda. O enderezo sí era o correcto e a quinta era propiedade del.

Con grande ledicia, convidounos a entrar no seu fogar e cando xa estaban acomodados na cociña, abriu unha vella arca e sacou a luva de coiro preto que o boticario recoñeceu no instante. Todo o que posuía conseguírao grazas á man de coiro.

O mozo coñeceu á filla do portugués, unha rapaza  moi bonita e en pouco tempo namorouse irremediablemente dela.

Acordaron o casamento coa beizón do boticario, pero pouco tempo antes da celebración, o portugués impúxolle unha condición ó noivo antes de entregarlle a rapaza.

Abriu a vella arca que tiña na cociña, colleu a luva de coiro e espetoulla na man esquerda ó rapaz.

Para ser merecente da filla,  habíalle demostrar que era quen de pedir esmola un inverno enteiro. Dese xeito sabería que a rapaza ía estar protexida nos bos e nos malos momentos.

Pasou o frío e duro inverno, chegou a primavera e o fillo do boticario casou coa filla do portugués...