Estado de alarma. Día catro.

IMG-20200316-WA0033
Estado de alarma. Día catro.

Espertei hoxe a mañá coa noticia da chegada de forzas do Exército a Vigo. Supoño que, en breve, podereinos ver dende o balcón da miña casa patrullando as rúas. Veño IMG-20200316-WA0033insistindo nestes artigos nas circunstancias extraordinarias que estamos a vivir estes días, que tal como imaxino van ser máis de quince. Namentres sexa para ben, ben estará. Hoxe, sendo martes, nada mudou na programación do día respecto da de onte, a non ser esa medra imparable no número de afectados ou de mortes, da que cada pouco nos informan os medios de comunicación.
Falando de medios de comunicación, atopei unha noticia sobre Lamas, lugar de nacemento da miña nai, publicada no xornal La Voz de Galicia o día once de marzo do ano 1892, ano no que parece houbo na bisbarra da Limia unha grande epidemia de tifo e que a prensa contou así:
“Para combatir la epidemia de fiebres tifoideas que se han presentado en el pueblo de Lamas, del distrito de Ginzo de Limia, la Junta local de Sanidad, siguiendo las instrucciones del Sr. Gobernador civil, acordó que se proceda a la limpieza de las calles, que se desinfecte la ropa de los enfermos y que se faciliten alimentos y medicinas a los pobres que sufren los efectos del contagio. Por ahora no hay más que nueve invadidos. Es digna de elogio la actividad de las autoridades.”

Non sei por que, mais iso lémbrame bastante ben o que está acontecer nestes días. Dise sempre que nos intres malos é onde un pobo tira o mellor de si mesmo, e penso que desta volta non vai ser diferente.

Pola tarde, xa pasadas as oito, saín á terraza e vin o matrimonio do que lles falei aquí hai dous días. Estaban co seu paseo dunha punta a outra do seu balcón de pouco máis de dez metros. Mais desta vez, a muller non lía ningún libro e camiñaban un tras do outro en silencio. Nesas circunstancias penso que resulta estraño poder facer unha camiñada longa. Porén, vexo unha noticia no xornal que me tira do erro: un home vén de camiñar 61 quilómetros na casa como homenaxe ós equipos do 061.

Son case as doce da noite cando escribo isto que lles estou a contar. Necesito erguerme e ollar pola fiestra. Nada hai arestora na rúa que chame a atención. A rotonda resulta especialmente estraña, misteriosa, valería para unha pasaxe de película ou novela de terror: está completamente baleira, sen ninguén polos beirarrúas e sen ningún coche. Vexo algunha persoa nas fiestras, talvez contemplando a rúa, talvez tomando un chisco o fresco. Imaxino canta xente estará pasando soa na súa casa estes días de estado de alarma. Xente maior sobre todo. Por iso non deixo de botar un sorriso de ledicia ó coñecer que, na miña vila de Xinzo, o concello vén de acordar a creación dun servizo de localización e axuda as persoas que viven soas e sen autonomía, como parte do seu plan para frear a propagación do coronavirus, tal como se reflicte nas páxinas deste mesmo xornal.

Rafael Laso Lorenzo