Estado de alarma. Día cincuenta e catro

WhatsApp Image 2020-04-10 at 09.59.59-2
Estado de alarma. Día cincuenta e catro

Esta tarde o goberno nacional aprobou a prolongación do estado de alarma ata o vindeiro 24 deste mes, o cal quere dicir que como mínimo chegaremos ós setenta e dous artigos desta serie. E a pouco que as cousas vaian saíndo conforme o establecido, non me estrañaría que o lector que me dixo que habíamos chegar ós cen tivese finalmente razón. En fin, esperemos que as ideas non me abandonen e sigamos tendo motivos para poñernos diante do computador a escribir o que sempre foron estes relatos: as miñas impresións persoais do que acontece, salpicadas de anécdotas curiosas.

WhatsApp Image 2020-04-10 at 09.59.59-2Falando de anécdotas curiosas, ese amigo e lector que vive na Coruña e do que xa teño falado aquí máis dunha vez, envioume unha mensaxe dicíndome o interesante personaxe que era ese farmacéutico John Pemberton, inventor da Coca Cola. Resulta que durante a guerra de Secesión americana, servindo no Exército Confederado, recibiu un corte de sabre no peito. A dor que sufría, causoulle adicción a morfina que usaba como calmante e para abandonala decidiu crear unha bebida refrescante. Mesturando follas de coca, noces de cola e xarope de azucre. Como o cambio da morfina pola bebida provocoulle adicción a esta por mor do contido en cocaína, substituíu esta pola cafeína. Como Napoleón, morreu tamén dun cancro de estómago e sen coñecer o éxito posterior do seu invento.

Polo meu traballo, acostumo a falar con persoas de distintas partes de España. Hoxe falei con xente de preto de Bilbao, León e Barcelona. Á parte de interesármonos polas respectivas familias, comentamos sempre algo arredor da situación que estamos a vivir. Cando tocamos o tema dos aplausos, a máis de un saíulle dicir que el xa non aplaude, porque se estamos facendo o que facemos na rúa, daquela entón non paga a pena ese inmenso esforzo que están a facer os sanitarios deste país. Hoxe decateime de non só son eu o que pensa e ve cousas das que teño falado nestes artigos días atrás, ese incumprimento das condicións de saída a rúa. En todas partes sempre hai algúns (parece ser que poucos, non a maioría) que van por libre. Xente que se xunta, nenos xogando xuntos (e non dous ou tres precisamente) namentres seus pais sentados en bancos conversan tranquilamente, en fin, iso de que a chamada “distancia social” debe ter un significado estraño para eses algúns que fan caso omiso das normas. Polo demais, concordamos tamén en que dá a impresión de existir unha sensación de que isto está superado e o virus non vai con nós. E non me gusta.

O que si me gusta é o pouco número de afectados polo Covid 19 na miña vila. Accións coma esa máis dunha vez repetida de desinfectar as rúas, teñen a súa importancia. Agora está en marcha a creación dun banco de alimentos e produtos de limpeza por parte do concello, para familias en situación de emerxencia. Paréceme unha boa idea e hai que darlle os parabéns por ela, xa que esta crise está deixando tras de si centros de miles de persoas en situación de indefensión económica e social, cun incremento das taxas de desemprego ata niveles nunca vistos. Non queda outra que traballar duro e poñer todo da nosa parte para saír de aquí canto antes.

Rafael Laso Lorenzo