Estado de alarma. Día cincuenta e dous

virus-informáticos-más-peligrosos
Estado de alarma. Día cincuenta e dous

Onte falei aquí da miña avoa dicindo que tivera sete fillos. Foi un erro involuntario, pois ben sei que foron oito. Nótase que non revisei ben o que escribía. De calquera xeito espero que ningún dos meus tíos ou tías mo tome a mal, pois non quixen desfacerme de ninguén. Hai uns anos, nun encontro coa rapazada dunha escola na que teñen a ben ler os meus libros, un rapaz preguntoume que era o que máis me gustaba de ser escritor. Díxenlle que ser escritor viña a ser algo así como un superheroe de cómic con poderes especiais, pois podemos facer e desfacer ó noso antollo, casar a alguén a desgusto, darlle toda a sorte do mundo, podemos facer un personaxe bo ou malo, facer que un morra cando nos convén e cousas semellantes que na vida real son imposibles. Neste caso, ningún dos irmáns e irmás da miña a nai reunía os requisitos para ser eliminado, pois a todos lle quero ben, así que conto con ser perdoado polo despiste.

Algúns amigos, mesmo tamén a miña dona, pregúntanme cando vou rematar esta serie de artigos, que por outra banda (desculpen a inmodestia) segundo me din no xornal, teñen bastante aceptación. Creo que non depende tanto de min, como do goberno. Namentres dure o estado de alarma, espero estar ao pé do canón contando estas pequenas historias que, malia a súa pequena extensión, aínda me enredan un pouco. Cousa que levo ben, mais cómpre dicir que, ás veces, as ideas non flúen todo o que un quixera. Tamén, o feito de escribilos, sérveme para despexar a mente con temas diferentes ós do traballo.

virus-informáticos-más-peligrososNa oficina hoxe foi un día tranquilo. A cousa comeza a ser de preocupación polas consecuencias que vai traer, non xa ó longo, senón á volta de días ou semanas. Como a empresa na que traballo está nun polígono industrial e de camiño alí vou pola circunvalación da autoestrada, non puiden saber como se movía hoxe o ambiente. A tardiña, xa volvendo para a casa, funme fixando nos locais e comercios polas rúas que pasei e todos os que vin estaban pechados. Porén, a miña dona contoume que, cando ela saíu pasear co neno, o que si viu aberto e con xente, foron os salóns de peiteado. Con todo, imaxino que pouco a pouco iremos deixando de falar deste virus, para facelo doutras cousas.

Por certo, que tal día coma hoxe, catro de maio (cando escribo isto) pero do ano dous mil, viviuse un estado de alarma e pánico mundial por mor doutro virus, daquela informático, que recibía o nome de I love you e que paralizou o sistema informático da Cámara dos Comúns en Londres e afectou grandeente ó Pentágono nos Estados Unidos. Está claro que os virus, sexan do tipo que sexan e chámense como se chamen, nunca son cousa boa.

Rafael Laso Lorenzo