Estado de alarma. Día cincuenta

índice
Estado de alarma. Día cincuenta

No artigo de onte, comentei o estraño que resultou un primeiro de maio sen manifestacións na rúa por mor das circunstancias que vivimos. Algo semellante debe acontecer hoxe en Madrid, onde é festivo local. Tamén lle toca celebralo confinados na casa e sen poder desfrutar da ponte coma noutros anos. Terán que agardar polo ano que vén para poder facelo.

índiceHoxe saín pasear co meu fillo arredor das seis da tarde. Subimos camiñando por detrás da casa ata chegar ó paso elevado que atravesa a autoestrada. Unha vez do outro lado, seguimos o paseo para peóns e bicicletas no que transformaron a antiga vía do tren e que non está aínda rematado de todo. Hai un treito que só ten a capa de pedra machucada mais que, aínda así, é transitable para ir camiñando. Había bastantes pais e nais coas súas crianzas, pois é unha zona sen tráfico. Entre ida e volta dende a casa, resulta un paseo xeitoso, de arredor de catro quilómetros.

Xa de volta na casa, pouco antes das oito da tarde recibín un whatsapp da miña nai, no que me enviaba unha foto dela con meu pai que inmortalizaba a súa primeira saída nestes días de estado de alarma. Malia levar postas as mascarillas, pola expresión dos seus ollos, parécenme contentos e felices, cousa normal por outra parte despois de levar tanto tempo pechados.

Como o día foi de mensaxes, ese amigo da Coruña do que xa lles teño falado aquí, enviou dous enlaces a outros tantos artigos de moito interese. O primeiro, a unha revista de enxeñaría en inglés, e trataba sobre a patente que se lle concedeu a Nikola Tesla (enxeñeiro e inventor do que xa falei nestas páxinas, arredor das súas leas con Marconi) un dous de maio de 1888 para a transmisión eléctrica de enerxía. No artigo, moi instrutivo, falaba das súas 270 patentes en 27 países, mais tamén de sete inventos seus que nunca se construíron. O segundo enlace, ía a un xornal dixital, cun interesantísimo artigo sobre un galego, Magno Clemente Máximo, que foi emperador de Roma alá polo ano 383 dC. E outro amigo dese grupo (tamén lles falei del aquí) enviou un link e unha noticia sobre unha empresa de Xinzo que vende patacas por Internet. A min, isto, paréceme unha idea estupenda. Nos tempos que temos, hai que recorrer a solucións imaxinativas. Estas e moitas, eran as que se lle ocorrían a un dos máis grandes xenios da humanidade: Leonardo da Vinci, que morreu un dous de maio do ano 1519.

Queixeime onte da pouca xente que estes días sae aplaudir á terraza ou á fiestra ás oito da tarde. Hoxe pasou igual. No edificio fronte ó meu, estaban tres ou catro veciños. Volvía faltar a señora do anorak mostaza e mailo seu home. O caso é que, a estes, non os vexo dende hai varios días. A ver mañá, porque para a semana tócame reincorporarme ó traballo e terei menos ocasións para velos.

Por certo, que con este artigo de hoxe chego o medio cento deles na serie sobre o estado de alarma. De novo, no edificio de en fronte volveron prender as luces do nadal pola noitiña. Non creo que sexa por iso, mais eu tomeino como un agasallo para a celebración deste número cincuenta. Unha pequena ilusión non lle fai mal a ninguén.

Rafael Laso Lorenzo