Estado de alarma. Día cincuenta e tres

mapa-portugal
Estado de alarma. Día cincuenta e tres

Hoxe saín tarde do traballo e cheguei a casa sobre as nove menos cuarto. O semáforo mudou a vermello xusto cando eu me achegaba á rotonda e tiven que parar. Eses minutos alí, resultaron para min do máis abraiantes. Había tempo que non vía tanta xente pola rúa, de feito, cando entrei na casa, díxenlle á miña dona que semellaba unha manifestación. Espero que na miña vila sexa doutra maneira e haxa máis sentido, porque o que vexo aquí non me gusta nada. Cóntolles: parellas de adolescentes paseando xuntos (non sei se collidos da man ou non, pois dende o coche non puiden aprecialo); grupiños de xente (cinco, seis, sete persoas) sen respectar a distancia social; ciclistas xusto un detrás doutro; persoas que non pasean os cans: limítanse a telos suxeitos pola correa namentres parolan con outros donos de cans a menos de un metro de mapa-portugaldistancia. Ou eu son un pouco torpe, que pode ser, ou non o entendo. Non se trata diso, algo se está a facer mal. Podemos saír todos prexudicados e, por se non abonda coa que nos queda por pasar neste país, como para sufrir unha recaída gorda na pandemia. Damos pena. E ás veces sinto envexa do país veciño, Portugal. En todos os aspectos. A xente que cumpre as normas, partidos do goberno e da oposición que tiran xuntos do carro... en fin, para min que pouco ou nada entendo de política, algo que eu chamo conciencia de país. O final vai ter razón a sabedoría popular, esa que di que só funcionamos cando nos tocan o peto. Sinto ter que dicilo, pero é o que vexo nestes días a carón da miña casa.
Namentres remataba de cear, aproveitei para ler unha entrevista con Rafa Nadal, unha persoa que non necesita presentación. Despois de acabar a lectura da mesma, un queda convencido de que este rapaz, ademais de ser un exemplo en moitas cousas, tamén o é en sentido común. Transcribo estes comentarios seus dende as páxinas da Voz de Galicia: “Ha habido equivocaciones. Lo siento, pero es justo decirlo, no es un tema político. Es evidente. Cuando hay tantos sanitarios contagiados, es evidente que ha habido equivocaciones ahí. No podemos decir otra cosa. Es humano reconocer los errores. La gente que reconoce los errores se acerca al pueblo. Todo el mundo entiende que los políticos se equivoquen. Es humano.Yo me equivoco a diario. Lo que me gusta menos es cuando no se reconocen los errores, porque se deja de tener credibilidad”.

Cambiando de cuestión, estes días, coa miña volta ó traballo non chego nunca a casa para a hora dos aplausos. A miña dona cóntame que cada vez a cousa vai indo a menos e que a este ritmo non se ha tardar en que non saia ninguén. Ó non estar na casa, non podo ver os veciños do edificio de en fronte. Hai varios días que non vexo á señora do anorak mostaza nin ó seu home. Na volta, ó saír da autoestrada, teño que parar case sempre no semáforo da rotonda e aproveito para botar unha ollada á súa terraza coa esperanza de velos. Nada, sempre está baleira. Imaxino que como agora poden saír pasear á rúa, xa non precisan tanto dos seus paseos polo balcón. Está claro que non é o mesmo un quilómetro de rúa que dez metros de terraza.

Non sei se acordaran de que hai algúns días comentei aquí que lera unha reportaxe sobre o confinamento de Napoleón Bonaparte na illa de Santa Helena. Pois acabo de saber que morreu dun cancro de estómago tal día coma hoxe en 1821. Mais o día de escribir isto, cinco de maio, é un día gozoso para millóns de persoas en todo o mundo, pois hai cento trinta e catro anos un tal John Pemberton patentou o seu invento. Talvez ese nome non lles diga nada, pero si o da súa creación: a Coca Cola.

Rafael Laso Lorenzo