Estado de alarma. Día cincuenta e seis

Pachi Lopez
Estado de alarma. Día cincuenta e seis

Baixo a miña modesta opinión (a dun profano na política), o mínimo que se lle debe esixir a un político é claridade de ideas, prioridade do ben común sobre calquera outra cousa e saber ser un pouco de goma. Isto último non é unha brincadeira, senón unha metáfora de que hai que saber estirar ou encoller segundo as circunstancias. Ás veces, para gañar hai que seguir un camiño que leva canda si algunha renuncia. Toda Pachi Lopeznegociación, para chegar a bo porto, precisa dun tira e afrouxa nas que ambas partes deben ceder algo. Veño de ler na prensa que o socialista Patxi López vén de ser elixido presidente da Comisión para a Reconstrución Social e Económica. Gardo bo recordo del cando a súa etapa de Lehendakari no País Vasco, onde foi elixido cos votos favorables de PP e UPyD. E paréceme moi acertada esa declaración que fai nunha entrevista publicada pola Voz de Galicia, na que referíndose a si mesmo e ós políticos di “Si con todo esto no somos capaces de ir a una comisión a ponernos de acuerdo para ver cómo reconstruir este país, y recuperarlo social y económicamente, es que entonces la pregunta es para qué servimos”. Ten toda a razón. Esperemos que todos os integrantes da mesma contradigan o dito popular de que se queres que algo non se leve a cabo, crea unha comisión. E por tanto, que teñan espírito construtivo, vontade de ceder por todas as partes poñendo por diante o interese xeral e cheguen a acordos que permitan ó noso país superar a época negativa que se aveciña.

Estes días fálase moito do pouco respecto e da pouca vontade de parte da cidadanía en cumprir as normas establecidas para as saídas á rúa. Neste xornal leo que na miña vila o concello esixe responsabilidade durante os paseos e que ante o incremento de comportamentos irresponsables comezará a sancionar. Nalgún outro xornal lin que en Vigo hai unha febre descontrolada de ciclistas. Moitos non levan luces nin elementos reflectantes, outros circulan sen casco e chama a atención a cantidade deles que saen en grupo, cousa contraria á normativa, que especifica debe facerse en solitario. Isto pasa en España, se fose nos Estados Unidos talvez non me sorprendería. Porque co exemplo que lles dá o seu presidente Donald Trump sería comprensible. Resultoume abraiante que nunha visita a unha fábrica de mascarillas, por outra banda chea de carteis indicando que se levase sempre, el se negase a usala e fose só cunhas gafas protectoras. Parece ser que é un home moi preocupado pola súa imaxe persoal e non debe de verse moi favorecido con ela. Esperemos que non lle pase nada, pois parece ser que o seu axudante persoal xa deu positivo por Covid 19.

Onte conteilles aquí desas palabras raras que escoitei na conversa entre o meu fillo e mailos seus compañeiros. Hoxe, namentres cenabamos, faleille do artigo que escribira e no que falaba delas e deixeillo ler. Díxome que lle encantara. Aproveitei para preguntarlle polo significado das mesmas e deume unha explicación convincente. Pedinlle que mo anote nun papel, coa idea de explicalo calquera día nestes artigos. Falando tamén de palabras, dicir que, nun traballo que lle puxeron, teñen que escoller unha palabra en lingua galega que lles guste ou consideren fermosa ou mesmo unha frase, e escribir unha pequena explicación sobre a súa escolla. A min resultaríame difícil elixir sequera unha: bolboreta, lóstrego, sarabia, folerpa, brétema, paseniño... Porén, el xa fixo a súa elección e non é ningunha desas, mais non a vou dicir en tanto non me deixe desvelar o segredo.

Rafael Laso Lorenzo