Estado de alarma. Día corenta

cabecera-tute
Estado de alarma. Día corenta

Ás veces teño a impresión de que os días non pasan dun en un. Nin tampouco de sete en sete completando semanas. Supoño que nos ten pasado a todos algunha vez de estármonos nunha data con máis rapidez da prevista. Digo isto porque así, case que de súpeto, sen aviso previo, xa estamos no día corenta destes artigos do estado de alarma. Por tanto, na corentena. Se consultamos o dicionario, vemos que esta palabra ten varios significados: é un conxunto de corenta unidades; a idade comprendida entre os 40 e 49 anos; un tempo de 40 días, meses ou anos; é sinónimo do tempo relixioso de Coresma; o illamento preventivo de persoas ou animais por razóns de enfermidade; cada unha das corenta partes nas que se divide un todo; a suspensión por un período de tempo dunha noticia ata que poida ser confirmada; e, por último, é o nome do peite do tear que ten catro mil fíos. O uso ó que estamos afeitos estes días, vén de cando no século XIV a peste bubónica se propagou por Venecia, nunha pandemia que pasou á historia como a peste negra. Ós sospeitosos de padecela illábanos durante corenta días.

Hai máis cousas interesantes co número corenta. Por exemplo, a baza máis importante de todas no xogo do tute, cantar as corenta. Estoume vendo no Madrid, calquera día deses que vou tomar café alí co meu pai cando estou en Xinzo. Un espectáculo, as partidas de naipe, ó tute ou ó subastado, que acada o cumio cando alguén leva na man o cabalo e o rei de trunfos.

cabecera-tuteOutra interesante, as corenta horas de traballo semanais. Vai alá pouco máis dun século da aprobación en España da xornada de 40 horas. Aconteceu en abril de 1919 despois da folga da empresa eléctrica La Canadiense que durou 44 días. Dende a manifestación de primeiro de maio do ano 1886, convocada en varias cidades dos Estados Unidos con ese obxectivo, a xornada das corenta horas espallouse polo mundo.

Corenta é tamén o número de ladróns do conto de Alí Babá incluído dentro do libro As mil e unha noites. Lembrarán vostedes ese humilde leñador que descobre o refuxio dos ladróns e que se abre coas palabras máxicas de Ábrete, Sésamo!

Talvez unha das cousas que máis nos soe (nunca mellor aplicado este verbo) a todos coa palabra corenta sexa o programa de radio Los cuarenta principales. Este programa, líder de audiencia durante anos en España, emitiuse por primeira vez un dezaoito de xullo de 1966. Dende entón, á vangarda da programación musical española, a súa presencia nas ondas, foise ampliando dende as dúas horas, pasando polas oito horas dos sábados ata chegar ás vinte e catro horas no ano 1979. O seu éxito, poñer música para a mocidade, cun estilo e linguaxe propios para eles, a posibilidade de escoller o número un das listas e a presencia de grandes locutores especialistas no xénero musical como o inconfundible malogrado Joaquín Luqui. Nada da música de hoxe en España pode entenderse sen o fenómeno que supuxo os 40 Principais. Por certo, un dos seus presentadores na emisora de Vigo é un bo amigo e ex-compañeiro meu de traballo.

Corenta é tamén a metade dos días que Phileas Fogg necesitou para completar a volta ó mundo na famosa novela de Jules Verne. No cine, foi interpretado polos actores David Niven ou Pierce Brosnan. Unha boa compañeira de viaxe para el, sería a señora do anorak mostaza, que coas voltas que dá na súa terraza non lle será difícil camiñar un quilómetro diario. Que para o que levamos de corentena, fai unha cifra de corenta quilómetros. Dende estas liñas mándolle moito ánimo, pois quédanlle dous quilómetros e cento noventa e cinco metros para completar unha maratón.

Rafael Laso Lorenzo