Estado de alarma. Día corenta e nove

IMG-20200501-WA0000
Estado de alarma. Día corenta e nove

É o primeiro ano da miña vida na que nun primeiro de maio non vexo manifestacións. Imaxino que aqueles obreiros que alá polo ano 1890 celebraron por primeira vez este día internacional do traballo, tampouco pensarían que a reivindicación chegaría ata os nosos días. En realidade, outros anos tampouco é que vexa moita cousa, pois no canto dunha grande manifestación, adoita haber varias. O ano pasado en Vigo houbo IMG-20200501-WA0000dúas, a convocada pola CIG e a de CCOO-UGT. Este ano o que houbo foi manifestación de gaivotas no parque diante da miña casa. Non as contei, mais calculo que pasaban ben do medio cento. Foi case na hora dos aplausos, que tal como comentei onte, vexo que cada vez van a menos. Hoxe podemos pór a desculpa de que fixo un día do demo, chovendo seguido e máis ben fresco. Supoño que, como ademais da chuvia, había refachos de aire e a auga entraba nas terrazas, a xente non se animou a saír. De non ser polo estado de alarma no que estamos, de ter sido posible facer a manifestación, sería un mal día para ir polas rúas. Eu hoxe non pisei a rúa para nada. Hoxe o neno foi pasear coa miña dona a hora de rigor. Namentres eu quedei na casa corrixindo o orixinal dunha novela.

O comezo do día foi doce, gracias a miña nai. Envioume unha fotografía por whatsapp dunhas lambetadas que fixera. Unhas flores recheas de crema que daban ganas de comelas. O malo do asunto é que non se podía. O bo, que tampouco me sentaron mal nin collerei calorías. Cando falei con ela, díxome que estaban moi boas. Eu xa o imaxinaba. Non llo dixen, vaino saber por este artigo, pero penso que está facendo probas para escoller a sobremesa do primeiro xantar que faremos cando poidamos xuntarnos.

Mañá comezará unha nova etapa neste tempo que estamos a vivir. Haberá quen saia facer deporte, quen poida pasear pola rúa por primeira vez dende hai moitas semanas. Recibín estes días varias mensaxes de lectores destes artigos. Un deles, dicíame que a este ritmo chegaremos ós cen; e outro, que cun pouco de sorte tiña que ir pensando no artigo final desta serie. Non o sei, tal como están as cousas mellor ir día a día, ou partido a partido, como di o Cholo Simeone, adestrador do Atlético de Madrid, pois esta loita contra o coronavirus tamén podemos vela coma un partido, malia que ós políticos falen dela coma unha batalla. En calquera caso, cando a vida volva á normalidade, entendendo que tal cousa non vai ser como era antes desta pandemia, hai cousas que vou botar de menos, como por exemplo os paseos pola terraza da señora do anorak mostaza e o seu home no edificio de en fronte. De botar unha ollada pola fiestra non vou dicir nada. Xa o facía antes desta crise sanitaria (sempre antes de deitarme) e penso seguir facéndoo.

Para rematar, tiven tres mensaxes sobre o problema de lóxica do que falei hai dous días. Dous deles, da miña irmá máis nova e da miña curmá máis maior, deron coa resposta. O terceiro, dun amigo que non foi capaz. Por se alguén máis enredou con el, dicirlles que a solución é moi fermosa, pois ten forma de estrela.

Rafael Laso Lorenzo