Estado de alarma. Día dez.

Montes de Novás
Estado de alarma. Día dez.

Son as doce da noite cando comezo a escribir este artigo correspondente ó décimo do estado de alarma. Cousas do traballo, que tiven que continuar despois da cea e me tivo ocupado ata hai media hora por mor dunha urxencia. E non fun o único, pois a miña dona e mais o neno, ocuparon toda a tarde coas tarefas da escola.

Montes de NovásHoxe a media mañá, cando xa albiscaba a complicación da xornada, pensei que talvez hoxe sería mal día para contar cousas de interese. Debo confesar que, como as ideas xurden no intre menos esperado, cada vez que algo digno de contar me vén á mente, apúntoo nun papeliño. Non é raro que cando me poño a escribir, me líe un pouco coas notas feitas á presa. Porén, todo ten truco, e o meu pasa por despexar a cabeza remexendo entre vellos papeis, petiscando na prensa do día aquí e acolá e, tamén, saíndo a fiestra ou á terraza para tomar a aire.

Unha das miñas tarefas pendentes, é ordenar os papeis, carpetas e os derradeiros libros adquiridos que ateigan o cuarto onde escribo. Non é que o intentase hoxe, pero na procura de algo que necesitaba, atopei un recorte de prensa de La Voz de Galicia, datado o 27 de agosto de 1892 que lles transcribo aquí:

El Gobernador civil de Orense, Sr. Carballido Bugallal, ha dispuesto que un oficial de la Comandancia de la Guardia civil fije su residencia en la villa de Ginzo de Limia, en donde se reconcentrarán algunas fuerzas de los puestos más próximos y que dé una batida a los bandoleros que, como digimos, se guarecen en los montes de Guido y Novás y tienen con sus hazañas aterrada la comarca.

En el caso de que no se consideren suficientes estas fuerzas para ahuyentar á los criminales, se acordará lo que proceda. La citada autoridad civil tiene el decidido propósito de acabar con el bandolerismo, que al parecer va enseñoreándose de parte de aquella provincia.

Poño esta noticia porque levo vendo esta fin de semana as fotografías do despregue de tropas do exército en Xinzo. Tanto neste caso, coma naquel, o feito foi por un bo propósito.

Hoxe souben tamén dunha nova triste: a primeira morte por coronavirus na miña vila. Unha mágoa que hai que lamentar, agardando que non se produzan contaxios e máis mortes. Pola contra, gústame ler noticias coma esa da colaboración das veciñas de Xinzo na confección de mascarillas protectoras. Ou do número de altas sanitarias que xa se produciron e mesmo a saída da UCI do primeiro paciente ó que se lle retira o respirador. Son detalles positivos que indican que imos ganar esta loita.

Por iso volvemos aplaudir desde a fiestra ás oito en punto. Porque cremos que somos e seremos capaces entre todos de saír desta situación. Malia a algúns políticos, como eses que rexeitan a axuda dos militares da UME, cousa que non son quen de comprender. Prefiro comprender ós veciños de edificio fronte ó meu, que volveron saír coa música ó balcón. O Dancing Queen de ABBA atronaba no aire e moitos veciños saían ás fiestras para animalos e seguir a festa. No piso dese matrimonio do que case sempre comento algo aquí, hoxe só vin na terraza ó home, cun chándal impecable de cor azul, pero hoxe nin corría nin camiñaba. Apoiado cos brazos na varanda, dedicábase tan só a contemplar. E doulle a razón, porque como dixo John Lennon, a vida é iso que vai acontecendo namentres estamos ocupados facendo outros plans.

Rafael Laso Lorenzo