Estado de alarma. Día dezaseis.

0118014300380000g01011
Estado de alarma. Día dezaseis.

No artigo anterior, falei da festa da Reconquista de Vigo, que foi o sábado e na que non houbo nada que celebrar este ano, mergullados como estamos en reconquistar o terreo perdido na batalla contra o coronavirus. Mais, como creo que dixo o alcalde da cidade, tempo haberá para celebracións festivas, cando todo isto remate. Non será a primeira vez que haxa que suspender unha festa. Mesmo o ano pasado houbo que suspender en Xinzo o desfile do martes de Entroido por mor do mal tempo.

0118014300380000g01011Este artigo debería ter sido escrito o domingo 29, pero cando o escribo resulta que é luns 30, porque no domingo unha indisposición gástrica tívome toda a tarde botado na cama.

A miña familia, sabe toda que son de bo dente e poucas cousas hai que non me gusten, mais desta volta non foi un xantar familiar na casa de meus pais (estamos confinados, haberá tempo para xuntármonos todos cando isto remate) arredor dun cocido ou dunhas albóndegas cociñados pola miña nai, pratos cos que debo recoñecer que sempre me excedo un pouco. Menos problemas teño co cabrito ou co año, que nunca me producirán indixestión. O que si me producen son brincadeiras por parte de toda a familia e que non levo mal, pois dentro dos meus moitos defectos está ese e téñoo asumido. En fin, como nunca se sabe que che pode sentar mal, ás veces resulta ser o que menos pensas. Tamén, dado que as persoas sempre temos que botarlle a culpa a algo, neste caso concédolle tal honra a unha maionesa de bote.

Unha das cousas que me deu tempo a saber no domingo, foi do decreto do goberno da paralización dunha morea de empresas ata o día 13 de abril, que será o luns de Pascua. Un problema máis no que cavilar estes días, para ver como saímos desta situación na que andamos metidos por todo o país. Como di moita xente que coñezo, cando isto pase, haberá tempo para as protestas. Protestas que non han ser como as desta noticia que atopei no xornal El Correo de Galicia, do día 8 de xaneiro de 1904, que di:

El ayuntamiento de Ginzo de Limia, elevó respetuosa protesta al señor ministro de Agricultura, por la suspensión de las obras del camino vecinal allí comenzado, y, al no terminarlo, inutilizó el antiguo, no sirve aún el nuevo y quedo incomunicado medio valle de la Limia con Ginzo”.

Non sei como sería esa respectuosa protesta, pero no mesmo xornal dise o medio para averigualo. Vostedes saben o que é a belonidomancia? Xuro que eu tampouco. Procurei a palabriña en Google e este díxome que a procura non tivo ningún resultado. Menos mal que viña aclarada no artigo do que lles falo. Nos os vou deixar coa dúbida, e transcribo as liñas da noticia: “Según un periódico de París, es la adivinación del presente, del pasado y de lo porvenir, por medio de alfileres. Es decir, un nuevo arte de embaucar y sacar los cuartos a los tontos”.

Coa dúbida erguinme eu hoxe pola mañá, pensando que terían feito a señora do anorak mostaza e mailo seu home. Imaxino, sen necesidade de belonidomancia algunha, que seguro, seguro, deron unhas cantas voltas pola terraza.

Rafael Laso Lorenzo