Estado de alarma. Día dezasete.

mel
Estado de alarma. Día dezasete.

Tal como lles contei, este luns, penúltimo día de marzo, vinme na obriga de escribir dous artigos, o dezaseis e dezasete. Traballo dobre. E se contamos que este luns tamén me reincorporei pola tarde ó traballo na empresa (si, unha desas que presta servizos esenciais) para que outro compañeiro puidese quedar a traballar dende a súa casa, case resulta que foi un día de moita tarefa.

melPara comezar, direi que se me fixo un chisco estraño subir ó coche, parado no garaxe dende o día doce de marzo. Gústame moito conducir e nunca botei tanto tempo sen facelo. Non sei se o coche me botaría de menos a min todos estes días.
Cando cheguei a oficina, a sensación si que era estraña, pois onde habitualmente estamos once persoas, hoxe só estabamos cinco, e ben separadas, dende logo.
Supoño que mañá martes, tanto unha situación como a outra, xa non mo resultarán tanto.
Falando desas cousas que se botan en falta, teño unha bastante clara: as noticias ou os chíos do Antela FC en Twitter, os domingos, pois malia non ser un fanático do fútbol, si que me gusta estar ó día no referente ó equipo da miña vila. Outra das cousas, supoño que a vostedes tamén lles pasará o mesmo estes días, é a de mercar nas tendas de costume. E iso pasoume hoxe na froitaría, pois puiden volver á que sempre vou, por estar preto do meu traballo. Agora que escribo isto, acabo de lembrar que non merquei o mel. Un despiste que haberá que reparar cando toque repoñer a froita na casa.

Onte non puiden ver ós meus amigos (imaxino que non len este xornal, pero afíxenme tanto a velos que debo confesar que xa lles teño un cariño especial), a señora do anorak mostaza e mailo seu home. Hoxe si. Paseaban todos animados pola terraza, a moi bo ritmo (eu diría case que de adestramento) en sentido contrario o un á outra. Cruzábanse no medio e, nese intre, chocábanse as palmas da man como dándose ánimo. O detalle era curioso, así a cousa semellaba unha competición. Seguro que ó longo do día gaña ela, pois sae moitas máis veces á terraza.

Noutro intre, puiden ver na praza tres coches de policía na rotonda preto do noso edificio. Paraban coches e xente. Coido que lles preguntarían a onde ían e a que. Botaron como unha hora ou así e marcharon. A quen non lle marchan as ganas de estar na casa é a meu fillo (toda a rapazada deste país si que merece o longo aplauso que se lle dedicou) pero tampouco me estraña. Ten ocupacións dabondo. Só a mañá, énchea coas clases on-line e as tarefas, que tamén continúa pola tarde. Como todos, ten tempo para ver televisión, xogar cos amigos na consola ou enredar coa nai ou comigo. Hoxe andou emocionado, pois xunto cos seus compañeiros do club de xadrez ían conectar en directo, vía internet, con Magnus Carlsen, ese mozo noruegués campión do mundo, e mesmo ter a posibilidade de xogar unhas partidas con el. A cousa estragóuselles, pois por algún problema técnico non tiveron imaxe, só son. En calquera caso, non está mal para estes rapaces poder escoitar o campión do mundo a quilómetros de distancia. Eu, de ser posible, gustaríame ter tido a posibilidade de escoitar a Bobby Fischer.

Rafael Laso Lorenzo