Estado de alarma. Día noventa e dous

san-antonio-padua-italia-kODC--620x349@abc
Estado de alarma. Día noventa e dous

Escribo este estado de alarma noventa e dous no sábado 13 de xuño, un día no que, de vivires aínda, estaría de santo o meu tío Toniño Moca, pois nel celébrase San Antonio de Padua, patrón da mocidade casadeira e avogado dos obxectos perdidos. Chámanlle de Padua por ser esa cidade italiana o lugar da súa morte. Teño entendido que tamén é san-antonio-padua-italia-kODC--620x349@abcpatrón dos pobres, dos albaneis e dos panadeiros, mais non sei a razón dese padroado. Porén, si sei porque lle rezan cando se perde algo para que axude a atopalo. Resulta que o santo tiña un salterio (un libro de salmos, malia que tamén a palabra nomea un instrumento musical) que usaba decote e un día desapareceulle. O santo pregoulle a Deus para recuperar o seu libro, que fora roubado por un novizo que fuxira do convento. Seica as pregarias fixeron efecto, pois o rapaz tivo unha visión terrible que o obrigou a volver ó convento e devolver o libro roubado. Hai outro santo co seu nome, San Antonio Abad. Ó de Padua, en Galicia díselle tamén San Antonio mentireiro, de feito hai un refrán que di “dezasete de xaneiro, San Antonio verdadeiro; trece de san Xoán, san Antonio mentirán”. Non sei a orixe da nomeada, supoño que a razón está en que non era de Padua (era portugués, nado en Lisboa) nin se chamaba Antonio (o seu verdadeiro nome era Fernando de Bulhoes e Taveira de Azevedo).

Como contei onte, hoxe viñemos para a casa de Moaña, na que aínda queda moito por arranxar. Despois de xantar, foi a quenda das plantas en testos e tamén das xardineiras da parte traseira da casa. A miña dona e mais eu pasamos un par de horas arraxándoas e aínda queda angueira para mañá. O día prestouse, pois estivo fresco. Malia o ceo cuberto de nubes cinsentas, nada choveu. Parece que estivo peor na miña vila, onde facía un día frío case que de inverno. Sendo feira como hoxe foi, habería que comer o polbo ás présas para que non arrefriase.

Onde seica si houbo bo tempo, foi en Barcelona. Tanto, que a xente ateigou as praias, tal como se puido ver nas imaxes do telexornal, malia ter limitado o aforo ó 80%. O que se viu, non deixaba lugar á dubida. Nalgúns lugares a aglomeración de persoas semellaba o habitual nestas épocas. Alí, a distancia de seguridade da que tanto se fala, simplemente non existía. Non me estraña que a policía local acabase pedindo sentidiño. Patrullaban dacabalo e en moto e indicábanlle ós visitantes máis retrasados en chegar que a praia estaba completa. Vendo novamente esas actitudes irresponsables, non estou tranquilo para nada, pois semella que a pandemia pasou e non foi connosco.

Algún amigo envioume hoxe unha mensaxe dándome folgos para con estes artigos, indicando que xa quedan poucos para os cen. Despois deste, quedan tan só oito. Non sei vostedes, pero no fondo talvez eu vounos botar de menos. Hoxe tamén é un día para botar de menos a tres grandísimos escritores: Gonzalo Torrente Ballester e Fernando Pessoa, que naceron tal día coma hoxe e Leopoldo Alas “Clarín” que finou un trece de xuño. Con Pessoa tiven o pracer de sentarme ó seu carón, no Chiado, fronte ó café A Brasileira que el frecuentaba. A súa estatua de bronce é tan realista que semella el mesmo.

Rafael Laso Lorenzo