Estado de alarma. Día noventa

1591615692_005391_1591618720_noticia_normal
Estado de alarma. Día noventa

Días atrás falaba aquí de que pouco tiña escoitado arredor da volta ó ensino de toda a rapazada. Hoxe nun xornal lin unha noticia sobre a mesma cuestión, na que se dicía que só España e Italia abriron antes os bares que as escolas. Pois que lle imos facer, cousas da vida, que diría Castelao. Tamén hoxe, polo visto (non era xa sen tempo) todas as autonomías de España, agás País Vasco e Madrid, acordaron co ministerio de Educación a volta as aulas en setembro con carácter totalmente presencial. Ía sendo hora xa de falar algo da cuestión, pois a unha grande parte dos pais deste país, tíñanos preocupados a situación para dentro dun par de meses, co comezo do curso escolar. En fin, haberá que agardar a coñecer os requisitos necesarios para que as crianzas poida regresar ás aulas en condicións de seguridade absoluta.

1591615692_005391_1591618720_noticia_normalLin tamén hoxe noutro xornal que un once de xuño, pero do ano 2009, a Organización das Nacións Unidas pasou a pandemia a alerta pola gripe A, que lembrarán que se chamou tamén gripe porcina. Causou tamén bastantes casos, malia non chegar ó nivel desta que estamos sufrindo. As cousas son tan estrañas, que en Xove (na provincia de Lugo) os lobos baixan pasear á praia. Nótase que ó non detectares presencia humana, atrévense mesmo ata ir á praia.

Este mediodía, ó volver do traballo, deixei o coche no garaxe e saín á rúa, para ir mercar á tenda un bote de maionesa. E vin unha cousa que me chamou moito a atención: as varandas, os semáforos, as farolas... estaban cheas de globos de cor verde atados ou pendurados. Picado pola curiosidade achegueime ós da varanda, que se movían para aquí e para alá por mor do aire que sopraba neses intres, e collendo un deles puiden ler que tiñan escrito tan só as palabras Galicia verde. Fun á tenda pensando en quen podía telos colocado (subir ata o alto dos semáforos para pendurar globos alí, non é cousa doada) e a miña primeira idea foi relacionalos cunha campaña ecoloxista por mor da cor dos globos. Deixei quedar aí a cousa, ata chegar a casa pola noitiña. Comentáronme tamén o caso a miña dona e mais meu fillo e eu díxenlle que non sabía do que eran. E ela comentoume que estivera procurando información do asunto e resuta que forman parte da campaña de presentación de Vox, o partido de Abascal, para as eleccións autonómicas galegas.

Cando eu era rapaz, á parte dos debuxos animados, os programas que máis me gustaban na tele eran El hombre y la tierra, de Félix Rodríguez de la Fuente, e El mundo submarino, de Jacques Cousteau. Seguía case que con devoción as dúas, pero tiña un chisco máis de preferencia pola primeira. Foron series de longo percorrido, repostas varias veces. A min chamábanme moito a atención o feito de como poderían conseguir gravar moitas das imaxes ou secuencias. Esa lembranza póñoa aquí, porque tal día coma hoxe, un once de xuño de 1910, nacía o mariño, oceanógrafo e investigador Jacques Yves Cousteau, un home que levando a palabra auga (eau, en francés) no seu apelido non podía menos que amar o mar do xeito que el o fixo.

Pasados algúns anos diso, no primeiro dos anos da década dos noventa, foi liberado dó cárcere Nelson Mandela, que acabaría sendo presidente de Sudáfrica, asinaríase a unión das dúas Alemañas e o líder sindicalista polaco Lech Walesa converteríase en presidente de Polonia. Non foron acontecementos menores para comezar a década.

Rafael Laso Lorenzo