Estado de alarma. Día noventa e un

mandela
Estado de alarma. Día noventa e un

No artigo de onte, contei a saída do cárcere de Nelson Mandela, e non vai resultar estraño que neste 12 de xuño comece con el o artigo, pois nese día do ano 1964 foi condenado a cadea perpetúa por sabotaxe. Tamén contei, algúns días máis atrás, a suspensión das festas da miña vila, as festas da Coca en Redondela, a romaría da Saínza e agora os seus organizadores veñen de suspender a festa do Esquecemento, neste ano que prometía ser unha celebración por todo o alto, pois celebra o seu vixésimo aniversario. Porén, dadas as circunstancias en que se desenvolve a festa e a cantidade de xente que se achega dende todas partes para vela, a decisión paréceme do máis axeitada, xa que a seguridade nestes tempos debe ser a prioridade.

mandelaHoxe en Vigo o día estivo un pouco de cans. Choveu cando quixo e estivo moi frío, non semellaba para nada estármonos no mes de xuño (que, por certo, segundo di o refrán, xa pasamos do corenta de maio). Remata unha semana que comezou con sol e vai rematar con chuvia. O tempo é así de cambiante. Como as ideas, ou os costumes, ou as conviccións. Digo isto, por ese anuncio de HBO de retirar do seu catálogo a película Foise co vento (paréceme mellor tradución o título que se lle deu en galego que o castelán Lo que el viento se llevó) por considerala racista. Ben sei que durante anos, criticóuselle a este filme protagonizado por Vivien Leigh e Clark Gable dar unha visión idealizada da escravitude. Baixo o meu humilde punto de vista, creo que cómpre sempre pórse en contexto e analizar todo coa mentalidade de 1939 o ano da película. Talvez se a gañadora do Óscar Hattie McDaniel, a inesquecible Mammy na película, erguese a cabeza, volvería baixala do susto. Eu creo que o cinema (como a literatura ou a música) son un reflexo da sociedade e da época en que se fan e non debemos darlle máis voltas.

Hoxe, ó amigo da Coruña do que teño falado aquí máis dunha vez, deulle por poñer no grupo de whatsapp un vídeo do só final de guitarra da canción Tunnel of love dos Dire Straits, nun directo no Wembley Arena un dez de xullo de 1985. Impresionante o xeito de tocar a guitarra dun daquela aínda novo Mark Knopfler. Acabamos lembrando algunhas cousas e o concerto que deron no estadio de Balaídos en Vigo no ano 1992, ó que eu non puiden asistir por mor do traballo. Seica, aquela noite, non cabía unha agulla no campo do Celta.

Cando remato este artigo, xa nos deixou o venres e tamén, neste momento, a chuvia. Mañá iremos a Moaña, para seguires arranxando o xardín se o tempo o permite. Por certo, que hoxe dicían nas noticias que o alcalde de Cangas renunciou ás sete bandeiras azuis que lle concederon ás praias do seu concello, para evitar efecto chamada entre os turistas e porque o custo que lle supoñen as necesidades de tal distinción. Porén, no concello de Vigo, acontece o contrario. Mesmo o alcalde advirte xa da apertura do prazo de solicitude para as fogueiras de San Xoán. Cando ardan, ben podían queimar tamén este coronavirus co que levamos tres meses.

Rafael Laso Lorenzo