Estado de alarma. Día noventa e cinco

4IMG_3746
Estado de alarma. Día noventa e cinco

Vou confesar que, persoalmente, síntome como unha balanza. Nun prato, as noticias que veñen de China, con ese novo agromar da Covid19 (ata tal punto que acaban de cancelar de novo as clases presenciais nos colexios) e que xa se levou por diante, destitución fulminante, a varios altos cargos responsables da zona afectada, só dan para ser pesimistas. Polo contrario, esa noticia, que ocupa moitas das portadas dos xornais, relativa ó descubrimento de que o fármaco dexametasona reduce a mortalidade nos enfermos máis graves, ponse no prato do optimismo. Porén, volvo para o outro lado lendo as declaracións do presidente de Mapfre “Los españoles seremos los últimos en salir y pagaremos el precio más elevado” feitas hoxe no cumio empresarial da CEOE. Para volver a equilibrar a cousa, está a noticia da boa disposición entre os dous principais partidos do país, para, segundo a prensa, pactar acordos económicos, sanitarios e sociais. Algo que sinceramente creo que é o que o país necesita nestes intres.

4IMG_3746Outra cousa que tamén se necesita é un pouco de cordura e de sentidiño. Algo que seica lle faltou en Vigo a un home que subiu a un autobús e agrediu ó condutor porque este botoulle en cara que non levaba tapabocas. Non contento con iso, seica ó chegar a policía, bateu tamén nun dos axentes da orde. Finalmente o irresponsable foi detido.

No artigo de onte, falei da chegada dos turistas alemáns a Mallorca, nesa especie de proba piloto para o turismo español. Seica houbo algúns que viñeron sen a correspondente autorización gobernativa. Polo visto, en todas partes hai xente que non cumpre as recomendacións e as obrigas estipuladas. Mal imos. De calquera xeito, traio o tema dos alemáns porque hoxe falamos deles na casa. Veu visitarnos meu cuñado a tardiña e estando de parola saíu un alemán a relucir. Falabamos dunha botica que ten preto da súa casa en Redondela, que mudou de local, trasladándose a unha casa que reformaron con moito xeito e que quedou moi curiosa despois da reforma. Esa casa, antigamente foi unha pequena fábrica de fundición de estaño propiedade dun alemán. Parece ser, que este, como tantos outros establecidos pola nosa terra, era un colaborador do réxime nazi. Este detalle levounos a falar da presencia nazi en Vigo, que durante a Segunda Guerra Mundial era un niño de espías e axentes secretos de ámbolos dous bandos. Moitas empresas da época, estaban tuteladas por alemáns, que non eran máis que testaferros tamén axentes nazis nunha gran parte. O verán pasado estivemos cuns amigos visitando as instalacións do magnífico museo Meirande, sobre a batalla naval de Rande. Paga a pena achegarse e pasar un par de horas de visita a este edificio situado xusto a carón do mar, que no seu día foi unha fábrica conservera (Conservas Boyé) e que os veciños sempre coñeceron polo nome de Fábrica do Alemán. Aínda conserva algunhas máquinas antigas, que farán as delicias dos apaixonados da arqueoloxía industrial. A aqueles que non lle gusten estas cousas, sempre poderán ver unha marabillosa vista da Ponte de Rande dende abaixo, dende o nivel da auga.

Rafael Laso Lorenzo