Estado de alarma. Día noventa e sete

2017071910534056200
Estado de alarma. Día noventa e sete

Hoxe, organizando a axenda e preparando o plan de traballo para a vindeira semana, caín na conta de que estamos a dezaoito de xuño, que no santoral marcado para o día é a festividade de Santa Mariña, patroa da miña vila. Sempre tiven para min, que as festas patronais de Xinzo gardaban no nome dúas incongruencias, tal coma sempre eu coñecín que a xente as nomease. Unha, esa de ser as festas de Santa Mariña, un mes despois do seu día no santoral. E outra, a de chamarlle tamén festas do Corpus, cando este cae case un mes antes. Porén, desta circunstancia dá cumprida explicación o amigo Miro Cerredelo no seu libro Historia de Xinzo de Limia.

2017071910534056200Cambiando de asunto, lembro comentar en varios destes artigos os problemas en Estados Unidos derivados do racismo e que traen ó seu presidente pola rúa do amargor. Creo tamén, se a memoria non me falla, pois xa van alá moitos artigos deste estado de alarma a piques de rematar, que tamén falei algunha vez de José Saramago, un escritor que está entre os meus favoritos de sempre. Poderanse preguntar vostedes que relación haberá entre ambas as dúas cousas e direi que máis da que nun principio podería parecer. Tal día coma hoxe, dezaoito de xuño (cando escribo este artigo) de hai dez anos, finaba en Lanzarote o único premio Nobel de Literatura portugués ata o día de hoxe. Co motivo do aniversario do seu pasamento, o xornal El País publica un estupendo artigo seu que xa vira a luz nunha revista no ano 1996 e que leva por título Los escritores ante el racismo. A día de hoxe, malia a sona do seu carácter pesimista, nada lle resta lucidez ás súas reflexións sobre a natureza humana. Cómpre ler ese artigo, porque, vinte e catro anos despois de publicado, segue vixente.

Outro tema do que lles falei aquí, foi do desterro de Napoleón na illa de Santa Helena. Neste caso volve de novo, porque tamén un dezaoito de xuño celébrase un dos feitos militares máis importantes da Historia. Non creo que haxa ninguén que, sequera unha vez, non teña escoitado o nome de Waterloo, a famosa batalla na que as tropas do Duque de Wellington derrotaron ó exército dos gavachos. Tal cousa aconteceu no ano 1815 e as súas consecuencias son por todos coñecidas: o apresamento do Emperador e o seu desterro, onde morrería seis anos despois.

Por outra banda, en relación co artigo de onte sobre a conversa co meu cuñado arredor dos alemáns en Vigo e Redondela, o meu bo amigo da Coruña envíame unhas estupendas reportaxes sobre o asunto, facendo fincapé nos seus comentarios (totalmente axeitados, por certo) tanto na presencia de apelidos alemáns en Vigo como de cataláns, estes últimos dedicados a industria conserveira. Cóntame que moitas familias alemás fixeron matrimonios de comenencia con familias catalás e tamén investiron nos negocios das miñas de estaño e wolframio. Seica el estudou no Colexio Alemán, do que se dicía que durante a segunda guerra mundial era unha sede camuflada da intelixencia alemá nazi e que no tempo da mesma, acolleu tripulacións dos submarinos que operaban nesta parte da costa atlántica así como espías e militares.

Supoño que estas cousas e outras, vainas estudiar o meu rapaz ó longo da ESO ou o bacharelato. Mañá remata as clases e daranlle as notas. Hoxe os profesores faláronlle da nova etapa no vindeiro curso. Cando cheguei a casa, viu correndo a abrazarme e dicirme que estaba moi ilusionado con comezar o novo curso na ESO. Despois contoume como ía ser o curso que vén. Só con esa aperta, xa me tirou todas as preocupacións do día.

Rafael Laso Lorenzo