Estado de alarma. Día noventa e oito

fogatas
Estado de alarma. Día noventa e oito

Por fin xa é venres. Os amantes do cinema coñecerán ben que esta frase coa que dou comezo ó artigo de hoxe (por certo, quedan dous para o remate da serie) é o título dunha famosa película do ano 1978. Enmarcada dentro do xénero musical, conta a vida dun grupo de mozos apaixonados pola música, un venres pola noite. Lembrarán tamén á súa protagonista, a cantante Donna Summer. Unha película que acadou algo inesperado. A canción levou os premios Globo de Ouro e Óscar á mellor canción (o tema Last dance) malia competir con outro filme que naquel ano era todo un fenómeno social: Grease, con John Travolta e Olivia Newton-John. Por certo, se a miña memoria non falla, Olivia andou o ano pasado de vacacións en Galicia, pola Ribeira Sacra, pois seica un familiar que vive pola zona.

fogatasO caso é que remata unha semana máis, a derradeira do estado de alarma no país, agardando que non teñamos que pasar por algo semellante. A vindeira semana, terá un día calaceiro no medio, pois o mércores será o San Xoán, atípico este ano, pois non se poderán celebrar as xuntanzas e as festas das fogueiras. En Vigo, finalmente, non as haberá, en contra do previsto inicialmente. Para un ano que se podía desfrutar do ritual que acompaña a esa festa na noite máxica, imos ter que adialo. Confeso que eu tiña ilusión por írmonos toda a familia a ver as fogueiras. Porén, o lóxico, dada a situación na que estamos, non os queda outra que agardar polas do ano que vén. Agora mesmo, para a vindeira semana o que cómpre ter é sentidiño.

Era a unha e media do mediodía cando volvía do traballo para casa do traballo e escoitei a noticia do pasamento do escritor Carlos Ruiz Zafón, por mor dun cancro. Vivía en Estados Unidos e na casa, despois de xantar, procurei a noticia nos xornais. Detívenme a ler un fermoso artigo de Eduardo Mendoza no xornal El país sobre o autor de La sombra del viento, libro que vendeu máis de dez millóns de exemplares en todo o mundo. Cando o lin, aquela frase da primeira páxina (“Daniel, lo que vas a ver hoy, no se lo puedes contar a nadie”) enganchoume a unha narración que xa non fun quen de soltar ata a derradeira páxina. A morte de Carlos, coincide tamén en día, coa doutro famoso escritor, o premio Nobel de Literatura William Golding, autor de O señor das moscas, entre outras novelas.

Con esas cousas despedimos este venres dezanove de xuño. Xa é a madrugada do sábado, cando remato de escribir este artigo. Repasando a prensa, fíxome nun detalle de mala lembranza: o atentado de Hipercor cometido pola banda criminal ETA no ano 1987. Morreran vinte e sete persoas e houbo ademais corenta e cinco feridos, no talvez máis sanguinario atentado perpetrado pola banda, que ocupou as páxinas de toda a prensa da época. Uns feitos que, por sorte, non volveron repetirse.

Rafael Laso Lorenzo